O grupo musical A Roda é un dos referentes dentro da música popular galega, e tamén un dos grupos que sabe conectar mellor co público galego, dentro e fóra das nosas fronteiras. Recentemente vén de recibir un premio, se cadra o máis importante, o “premio da cultura galega 2018”, que dá boa conta do que este grupo significa para a música e cultura galega. Este sábado pasado día 9 de novembro A Roda estivo actuando en Bonn, Alemania, concretamente no Club Galicia de Bonn, celebrando un magosto galego, e o sábado16 de novembro estará en Vaduz, Liechtenstein, no Centro Español Apóstol Santiago.

Un grupo que soubo reiventarse despois de case 43 anos, con músicos profesionais, e que soubo entender que dende a música hai que reivindicar valores universais como son a igualdade e a inclusión da muller. Así pois, o grupo presenta un novo proxecto “ A Roda da igualdade”, unha roda en feminino, coa colaboración de Lucía Pérez.

Dende o seu nacemento A Roda está vencellada á diáspora galega, precisamente porque A Roda é a expresión do mundo popular, do rural e do enxebre, conceptos que están relacionados coa emigración, e tamén porque a música de A Roda é recoñecible alá onde estea un galego. A experiencia en Bonn é moi satisfactoria, poder descubrir que existen outras Galicias, que están vivas e que non esquecen a súa procedencia, antes ben, presumen con fachenda da súa galeguidade, e da súa música, a da Roda.

Os emigrantes galegos celebran con forza, con afouteza, o feito de “viviren como galegos”, esa morriña, esa saúdade, esa señardade (cantos conceptos para designar un mesmo sentimento), están presente en canda concerto que A Roda celebra na diáspora, unha diáspora que resiste ó esquecemento, á desmemoria.