"O que arde", a película galega e en galego que acadou este ano varios premios no Festival de Cannes en Francia e que tamén trunfou no de San Sebastián, ameaza con retirarlle a "Sempre Xonxa" de Chano Piñeiro a medalla de ouro do filme en versión orixinal galega máis visto da historia.

A distribuidora en España, a compostelá Numax, sinala que máis de 50.000 espectadores do Estado viron nos cinemas a xoia do director Óliver Laxe e os seus protagonistas, Amador Arias e Benedicta Sánchez.

Segundo os datos do Catálogo de Cine Español do ICAA, Instituto de la Cinematografía y de las Artes audiovisuales, "Sempre Xonxa", de Chano Piñeiro foi vista por un total de 62.203 espectadores trala súa estrea no ano 1989. No segundo posto estaría, de momento, "O que arde", con máis de 50.000 tras superar esta semana a "A esmorga" de Ignacio Vilar.

A adaptación ó cinema da farra e drama novelado de Blanco Amor conseguira 47.866 espectadores no 2014. Máis lonxe, quedan os 42.459 de "Vilamor" no 2012 e os 33.463 de "Pradolongo", ámbalas dúas producións, ó igual ca "A esmorga" de Ignacio Vilar, que agora está a rematar unha nova entrega do celuloide: "María Solinho".

Nesta cuarta semana de "O que arde" nos cinemas españois, o filme ambientado nos Ancares pero coa esencia no corazón de toda a Galicia disporá de 29 copias fronte ás 49 da primeira semana. Dende Numax, a preguntas de FARO, sinalaron que das 29 salas que a proxectarán esta semana, 11 están radicadas na comunidade galega.

Fontes da distribuidora resaltan o bo funcionamento do filme no resto de España e ofrecen un dato: "Este xoves (día 30 de novembro) nos cines Golem en Madrid conseguiu máis de 500 espectadores. En Madrid, a verdade é que está a funcionar moi ben. De feito, nese cinema, Óliver (Laxe) estivo nunha preestrea" para apoia-lo filme.

Por último, dende Numax, estiman que ó redor do 60% da taquilla da película conseguiuse nos cinemas galegos.