"O que arde", o filme galego que trunfou na pasada edición en Cannes, segue forte na taquilla. Uns 22.000 espectadores en España viron a película de Óliver Laxe, Amador e Benedicta na súa primeira semana de estrea nos cinemas comerciais españois, segundo datos da distribuidora Numax.

Para facerse a unha idea, o anterior traballo de Laxe, "Mimosas", tamén premiada en Cannes, conseguira en toda a súa andaina 12.000 espectadores en España. Para Numax, "a película está por riba das mellores expectativas que tiñamos". De feito, o xoves, foi a séptima película en taquilla no Estado Español, cando normalmente "estes postos están copados polas grandes producións norteamericanas", indicaron dende Numax.

Pero "O que arde" non só fixo historia, tamén fai callo no corazón, comprobouse no encontro do xoves á noite nos Multicines Norte de Vigo co seu director, o actor Amador Arias e a produtora do filme, Andrea Vázquez. Coa sala ateigada pola audiencia, Laxe deixou claro que "as películas tocan teclas misteriosas".

E esa música sonou coa melodía dos parabéns ó equipo que deron os asistentes á sala viguesa. Unha muller de 59 anos de idade relataba entre as butacas que "por primeira vez na miña vida puiden ver unha película que trata do meu mundo", o rural galego, para despois destaca-lo momento máxico de visionar en gran pantalla "unha vaca amarela mentras sona a música de Leonard Cohen". Ben sabemos por Manuel Rivas que a vaca é o tótem galego. Para ela, ver "O que arde" foi "unha experiencia espectacular".

Para Laxe, estaba claro que o que quería era "conectar" coa súa "esencia", coa vida dos seus avós na Fonsagrada (Lugo) para tratar temas locais de carácter universal xa que público mesmo de Rusia ou Alemania lle ten confesado que a protagonista feminina, Benedicta, unha muller de máis de 80 anos, lle lembraba á súa avoa.

Falar de a película "O que arde" implica tratar como protagonista á natureza, como indicaron outros asistentes. E cando se fala de natureza en Galicia e neste filme, é mester adicarlle un tempo ó eucalipto. De que sofren os eucaliptos?, se preguntaba un home maior en alto a colación da escena con parrafada entre Benedicta e Amador na película sobre estas árbores.

Amador, en persoa e que contaba co apoio dalgunhas familiares, entre elas a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a súa curmá, daba a razón: "Son árbores autóctonas dalgures (...) De que sofren? De explotación xenética, de que os planten en masa e non cheguen a maiores; morren de nenos. Poden vivir 800 anos e chegar ós 150 metros (de altura) e cando son bebés xa os esmagamos para papel... Si que sofren".

Sobre se son culpables dos lunes, sobre se deben plantar ou non, Laxe non deu unha resposta pechada, ó igual que fai o seu filme, ó indicar que se ben el non os plantaría, hai que entender a posición dos propietarios das leiras que buscan obter rendemento do monte, coidalo para que produza e así non quede abandonado el mailo rural.

Na sala, tamén se tratou o tema dos incendios ó admitir o cineasta galego que "Medio Rural (a Consellería) tiña medo cando se enteiraron de que iamos" trata-lo tema dos lumes. "Pensaban que ía ser un panfleto e non o foi. Ó principio, había desconfianza pero despois portáronse ben".

Claro que, entre medias, o equipo da produción tivo que facerlle ver ó departamento da Xunta que sería moi mala publicidade informar de que a Xunta denegaba apoio ó cineasta galego máis laureado internacionalmente (no Festival de Cannes, entre outros) para rodar en Galicia un filme en galego e sobre o país.

Inda convencidos de que buscaban un produto de calidade, feito dende o corazón e dirixido á alma galega, Laxe e o resto de feitores de "O que arde" albergaban unha grande dúbida: a posible decepción do público. O resultado final foi "un xemido, unha rabia de que este mundo -o mundo do rural- desapareza".

Precisamente, a dualidade ou enfrontamente cidade-rural tamén foi tratada no coloquio. Ante a pregunta dun asistente sobre como podería seguir a historia, con dous protagonistas aniquilados moralmente polos efectos do incendio nas súas vidas, Óliver Laxe sinalou que "a todos nós, se nos queiman as casas". Asemade, explicou que xusto a Inazio, que fai de Inazio na película, se lle queimou a súa vivenda durante a preparación do filme e voltou a erguela.

A idea apuntada por algunha xente do público de que os urbanitas están máis a salvo, obtivo unha profunda reflexión. Para Laxe, a fuxida cara a urbe busca escapar do sufrimento pero "o cemento é un sufrimento sutil que está na alma" e os habitantes dos núcleos urbanos non se dan librado de doenzas neuróticas ou psicóticas moi vencelladas á falta de conexión co agro, coas raíces, coa natureza.

En contraposición, no campo, as cousas son aceptadas como veñen dadas, con estoicismo si pero con dignidade tamén. "Son soberanos na súa sumisión", engadiu Laxe.

Cara o final do coloquio, que durou máis dunha hora e pasou da media noite, o cineasta resaltou que a película conseguiu inxectar autoestima nas xentes da Fonsagrada e do agro que a viron porque se trata dun filme que defende o seu modo de vida, unha película que os dignifica.

Esa catarse tamén se dá no resto de Galicia, como lle indicaron xentes do público. Para Laxe, está claro que "os galegos, estadísticamente, vivimos máis cós cataláns e os vascos. Eles están máis tensos, en dialéctica. Nese sentido, os galegos somos máis libres porque a independencia está no interior, ben, non sei moi ben porque digo isto".