A segunda temporada do FEST Galicia, a marca da Xunta que está a promover o turismo musical sostible e de calidade, arranca hoxe no Resurrection Fest de Viveiro, o máis grande e internacional de todos os festivais galegos. Esta será a primeira das 12 citas que forman parte desta iniciativa transversal, que en 2019 se desenvolve co lema 'Festivais que fan camiño'. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron onte o recinto no concello de Viveiro acompañados dos organizadores da cita.

Para esta nova edición de FEST Galicia, deseñouse un espazo de difusión renovado e versátil, no que se continúa apostando polos materiais reciclados e que disporá de diferentes versións adaptadas a cada un dos festivais nos que a marca estará presente. Este stand funcionará como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social e medioambiental, que no caso concreto do Resurrection serán impulsadas a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo.

Ademais, a marca da Xunta tamén lle dá soporte ao Chaos Stage, escenario onde este ano tocarán Dawn of Extinction, Inyourface e Arrhythmia, grupos gañadores do concurso RF Band Contest 2019 by FEST Galicia. Actuarán respectivamente o xoves, venres e sábado como parte desta 14º edición do Resurrection Fest, onde se poderán ver durante catro días destacados nomes internacionais da escena metal, rock, hardcore e punk, como Slayer, Parkway Drive ou Testament.

PortAmérica

O FEST Galicia 2019 estenderase ata setembro, incluíndo outra cita esta mesma semana: o PortAmérica, celebrado de xoves a sábado en Caldas de Reis. Este festival, xunto ao Resurrection Fest, conta co patrocinio privado derivado do Xacobeo 21. Completan esta temporada o Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival e Cantos na Maré e Caudal FEST como novas incorporacións.