A TVG ofrece esta noite a segunda entrega de "Os nosos sabios", espazo con vocación de servizo público que pretende achegarlles aos espectadores algunhas das personalidades máis notables da comunidade galega, que fixeron historia nas disciplinas máis diversas.

A protagonista de hoxe é a viguesa María Xosé Queizán, nada en 1939, no seo dunha familia republicana, meses despois do falecemento do seu pai. A comezos dos anos sesenta trasladouse a París, onde escribiu a súa primeira novela: A orella no buraco.

A novelista e ensaísta María Xosé Queizán non só destaca por ser un referente da literatura galega, cultivando gran diversidade de xéneros, senón tamén pola súa condición de precursora da loita dos dereitos das mulleres.