"Os faros son como os anxos dos mariñeiros que os levan á terra cando eles non poden voltar pola súa conta, son o seu amparo". Así define o artista cangués Raúl Velloso estas construccións con alma propia que el representa na súa nova colección artística, que poderá visitarse na Capela do Hopital de Cangas ata o día 22. A exposición recolle a fábrica de Massó, faros, igrexas e personaxes cangueses, entre outros horizontes. É unha homenaxe á historia e vida mariñeira propia de Cangas, o xeito de ser dun pobo eternamente ligado a un mar onde repousan as súas vivencias e lembranzas.

Logo de marcar pegadas recentemente noutros puntos do mundo como Miami, Porto ou Madrid, Raúl Velloso retoma o contacto coa terra natal. "Tocoume estar fóra por moito tempo e sempre tiña ganas de voltar porque é un sitio do que gozo moito, quería repensar cousas de Cangas. Estar aquí é estar na casa". O artista plasma nas súas obras a simboloxía dos lugares que lle atraen a través da potente cor, alegría e movemento que segundo o pintor, son o reflexo da súa personalidade activa. "Son unha persoa que non ten paraxe".

A exposición tamén permite botar unha ollada aos faros espallados polo mundo: Estados Unidos, Nova Zelanda, Canadá, a Bretaña Francesa, o oeste de Irlanda, Noruega ou Muxía son algunhas das súas remotas localizacións. Nun recuncho das paisaxes descóbrese a melancolía e soidade dos fareiros, homes que vivían meses totalmente illados nun mundo cáseque a parte, onde só albiscaban a fronteira entre ceo e mar. Un oficio a piques de desaparecer. "Quedan poucos fareiros como os de antes, só nos países máis nórdicos", apunta. Outras creacións do pintor retratan un dos lugares máis significativo de Cangas, a cara visible do mar e do seu pobo: a fábrica de Massó. "Para min é o edificio máis bonito que temos; non existe ningunha familia en Cangas que non teña relación con Massó e por iso o pinto". Un lugar en ruínas polo que Raúl Velloso aínda pasea coa súa cadela Lúa, sempre que pode. "A xente de aquí vén e identifícase coa obra, lembran e reviven momentos pasados nestes lugares e iso é moi bonito", engade.