A autora Noelia Gómez Calvo acaba de resultar gañadora do V Premio de Poesía Gonzalo López Abente (instituído pola Fundación que leva o seu nome, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura).

Reunido o xurado do composto polas poetas Eli Ríos, Emma Pedreira e o secretario da Fundación, Xesús M. Sambade Soneira, decidiu por unanimidade conceder o Premio ao poemario O Xiro, co lema Buxaina.

Os membros do xurado quixeron destacar "a enorme complexidade na escolla da obra gañadora debida á alta participación que consolida o Premio López Abente de Poesía como un referente no ámbito cultural".

Destacaron tamén que Noelia Gómez verá publicado o seu primeiro libro de poemas, o que cumpre co espírito do certame: dar voz ás novas xeracións poéticas así como descubrir escritas que impliquen renovación e convivencia.