O músico coruñés Brais Morán presenta en Vigo este venres o seu segundo disco, titulado 'No Mato do desespero'. Este traballo é unha dobre homenaxe, segundo conta Morán: "por un lado ao poeta moçambicano José Craveirinha e, por outra, seguindo a mesma liña, ao grande músico Fran Pérez Narf, quen tempo atrás tiña musicado o seu poema 'Quero ser tambor'".

Morán pronuncia varios nomes como músicos que deixaron pegada e que teñen influencia no seu estilo: "dende o citado Narf ata Lenine, Toquinho, referencias brasileiras, ata a pegada africana de Dobet Gnahoré ou Salif Keita". Tamén cita ao grupo galego Berrogüeto, o folk irlandés e a tradición gaélica.

Completan a "banda do desespero" Fran Sanz (baixo e encargado de produción), Manu Seoane nas guitarras e Marcos Pazo na batería. O disco conta con colaboracións de Patri Gamallo (integrante de Adufeiras de Salitre e Habelas Hainas), Tanxugueiras e Ugía Pedreira, con Arturo Vaquero na gravación, produción e masterización.

Logo da presentación na Sala Capitol de Compostela, este venres actúan en 'La Pecera', en Vigo, ás 22:30 horas.