Din que cada familia é un mundo, coa súa historia e xeito de vivir particular. Para demostralo, a TVG estrea "Onde collen dous...", un novo programa que percorrerá Galicia na procura de familias especiais, cunha historia que contar. Hoxe a partir das 23.05 horas, os espectadores da TVG poderán coñecer a través de divertidas reportaxes o día a día de catro familias ben diferentes, os seus segredos, valores e o seu xeito de afrontar a vida. Neste capítulo especial, "Onde collen dous..." estará en diversas localidades de Galicia para coñecer a catro familias moi diferentes entre si.

Pontevedra e Ribadavia

A primeira parada será en Pontevedra para coñecer os Domínguez, unha familia que leva o folclore galego no sangue. De feito, poderase ver a algúns dos seus membros participando no Luar. A continuación chega a quenda de Carlos e Conchi, de Ribadavia. Son unha parella de divorciados con tres fillos que buscan unha nova oportunidade para o seu amor.

O seguinte núcleo familiar do especial será o dos Domínguez Rey, unha familia de seis membros de Vimianzo que se dedica en corpo e alma ao negocio da carne. Por último, o programa irá ata Ordes para mostrar o día a día da familia Raña, berce do campión do mundo de triatlón Iván Raña. O deportista mostrará as súas orixes, unha familia numerosa na que o deporte e o bo comer son algunhas das afeccións favoritas.