A cantora galega Uxía gañou o Premio ao Mellor Álbum en Galego nos Premios MIN 2018 da Música Independente, co seu último disco, "UXIA-O", dedicado ao poeta Uxío Novoneyra e apoiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Nesta décima edición dos galardóns, Uxía compartía candidatura cos galegos Os d´Abaixo, Atrás Tigre, Esposa e Habelas Hainas. No disco, editado pola propia fundación do poeta, Uxía e o brasileiro Sérgio Tannus musican 16 poemas novoneyrianos acompañados por unha banda de luxo: Isaac Palacín (percusión), Santi Cribeiro (acordeón), José Manuel Díaz (contrabaixo), Ana Isabel Días (arpa clásica) e Quim Farinha (violín), con colaboracións especiais de Alberto Vilas (piano en "Cain as follas") e Fred Martins e Lui Coimbra (voz e violonchelo en "O cuco a cantar", respectivamente).

O coidado deseño e produción gráfica do librodisco, obra de Niko Alvarellos, inclúe fotografías de Miguel Calvo e caligramas dalgúns dos versos musicados, ademais dunha composición fotográfica na portada sobre unha peza feita especialmente polo pintor galego Antón Lamazares.