O filme "Nove de Novembro", primeiro de temática LGBT rodado en galego, chegará finalmente as pantallas galegas o vindeiro 7 de abril cunha presentación especial no Teatro Colón da Coruña. O evento, organizado pola asociación ALAS, Costura Films e o Comité Anti-SIDA da Coruña contará ca presenza dos membros do equipo técnico e artístico que fixeron posible a cinta.

"Quería contar como eran os catro últimos días nunha relación de parella porque sempre se contan as rupturas moi brutais ou as reconciliacións, e eu quería centrarme nese momento no que remata unha parella simplemente por fastío, porque xa son moitos anos e acabouse e punto", sinalou o seu director, Lázaro Louzao, a FARO durante o periodo de búsqueda de financiación a través dunha campaña de crowdfunding.

Este proxecto, que comezou a súa andaina en festivais no mes de febreiro, xa puido verse nos festivais Zinegoak, en Bilbao e San sebastián, no New Renaissance de Amsterdam e no qFLIX de Philadelphia. E agora retorna á cidade onde foi rodado o pasado mes de agosto antes de voltar de novo ao seu recorrido por festivais.

O filme de Lázaro Louzao está protagonizado por Ademar Silvoso e Brais Yanek, tivo un presuposto de so 30.000€ e foi financiado parcialmente a través dunha campaña de crowdfunding. Non exento de polémica, o pasado mes de novembro saltaba á prensa a noticia de que Facebook censurara a sua promoción na rede social por mor dun bico entre os dous protagonistas no trailer do filme.

A proxección será as 20.30 horas no Teatro Colón e os asistentes terán a posibilidade de falar cos actores e co director da cinta. A entrada para ver o filme será gratuita, previa retirada en taquilla, e os horarios poden consultarse na páxina web do teatro.