Camilo Díaz Baliño, un deses artistas aos que o fascismo levou por diante en 1936, será o protagonista do Día da Ilustración deste ano. Unha exposición homenaxeará a un dos pioneiros do deseño galego, que ademáis iniciou toda unha saga de creadores: foi o pai de Isaac Díaz Pardo e o avó de Xosé Díaz.

Cada 30 de xaneiro, o día de nacemento de Castelao, a Xunta, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), impulsa esta xornada para reivindicar o papel dos ilustradores na industria cultural. A iniciativa estrela será a exposicón Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada, que se poderá visitar dende esta data ata o 7 de marzo na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.

A exposición, cun total de 54 pezas -libros, debuxos, fotos, manuscritos- servirá para recuperar a calidade como debuxante de Díaz Baliño (1989-1936), que incorporou ao seu traballo influencia da arte relixiosa e do Art Nouveau, una das tendencias artísticas chave do comezo de século.

"Non hai arte galega sen idea de redención de Galicia", afirmaba Díaz Baliño, que sempre buscou revivir os símbolos que conforman a identidade galega. As súas ideas nacionalista e progresistas, que impulsaba dende o seu estudio compostelano, provocaron que ao estalar a Guerra Civil fose encarcerado e, logo, fusilado polos golpistas. Este tráxico final non impediu que deixase un legado fundamental para entender a actualización e posterior evolución da ilustración no país.