O 20 de decembro de 1907 estreábase na Habana o Himno galego nunha celebración solemne no Gran Teatro do Centro Galego. Aquel foi o primeiro dunha serie de xestos desde a emigración cubana que lle deron o pulo definitivo á composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga para a súa aceptación como símbolo de Galicia. A importancia da colectividade emigrante neste proceso é "un feito extraordinario que nos diferencia notablemente de calquera caso parecido", salientou hoxe o académico Ramón Villares na conmemoración do 110 aniversario desta estrea alén mar celebrada hoxe na Real Academia Galega (RAG) nun acto organizado da man do Instituto José Cornide. O académico correspondente Fernando López-Acuña afondou no proceso de creación artística do Himno, composto en 1890,."O Himno galego nace no tempo apropiado, cando a maior parte das nacións culturais e estados nacionais europeos abordaron o reto de ter símbolos que identificasen emocionalmente a comunidade política á que se dirixía", salientou Ramón Villares.
A parte musical correu a cargo de Queiman en Pousa e rematou coa interpretación colectiva de "Os pinos". O acto ponlle o ramo á celebración do centenario do pasamento de Pondal, tras a publicación da antoloxía "Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria" (120 poemas), a cargo de Manuel Ferreiro.