'Sapoconcho. sust. masc. Réptil da familia dos emídidos, do que existen varias especies, que en Galicia hiberna enterrado na lama do fondo das pozas onde vive, e se alimenta de insectos, vermes e moluscos. Exemplo: "Hai moi poucos sapoconchos en Galicia'.

Malia o exemplo que da o Portal das Palabras, iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, o 'sapoconcho' é a palabra máis buscada no que vai de mes. E todo despois de que a espontaneidade do santiagués Roi o levara en 'Operación Triunfo' a suxerir esta verba como a primeira que debe aprender un en galego.

Hai un par de semanas, o presentador do programa, Roberto Leal, pediulle ao concursante unha breve lección en galego. "Sapoconcho", respondeulle. "¿Y qué significa?". "Tortuga", devolvéulle Roi, provocando gargalladas entre o público e creando un dos iconos da actual edición de OT. Tanto foi así, que 'sapoconcho' é un dos hashtags habituais nas galas e directos do programa. O propio Roi chegou a actuar na apertura da última gala cunha tartaruga de peluche entre as máns.

O Portal das Palabras amósaa como a máis buscada de la semana e do que vai de mes. No listado hai outras nove: 'pedofilia', 'pirola', 'manco', 'mais', 'présa', 'teimudo', 'tartaruga' (¿será casualidade?), 'perrecha' e 'bola'.

O termo 'sapoconcho' podreía chegar a converterse tamén na palabra do ano. Cada dicembro, o Portal das Palabras recibe as suxerencias dos usuarios que votan pola súa favorita. O ano pasado foi 'irmandade', despois de que nos anteriores fosen termos moi empregados naquelas datas: 'refuxiados', en 2015, e 'corrupción', en 2014.