Sentida homenaxe a Xohana Torres, a gran poeta do mar
Méndez Ferrín, Francisco Domínguez e Anxo Angueira louvan a súa figura e obra, ó destacaren a súa poesía e a súa "resistencia"

Anxo Angueira, Francisco Domínguez e Xosé Luis Méndez Ferrín, onte en Andel. // Ricardo Grobas
Vigo
Conmemorar unha das grandes figuras da poesía e literatura galega de tódolos tempos. Ese era o fin da homenaxe que se lle brindou onte na libraría Andel de Vigo a Xohana Torres e na que participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol; e Méndez Ferrín, expresidente da RAG. Este último explicou -ante un foro ateigado, con preto de 70 persoas- as dúas ausencias notables na cita. Por un lado, a do académico Manuel Rivas e, por outro, a do tamén membro da Real Academia Galega e organizador das xornadas, Xosé Luis Axeitos.
"Rivas quería estar aquí", sinalou Ferrín para, a continuación, explicar a súa ausencia por mor dun serio problema familiar; mentres que sobre a falta de Axeitos indicou que estaba moi doente. Ámbolos dous, ademais, con fondo pesar, por non aporta-la súa verba na honra da escritora viguesa.
Na súa homenaxe particular, Ferrín -que fixo tamén de presentador- leu parte do discurso co que Torres ingresou no ano 2001 na Academia Galega, co título de "Eu tamén navegar", na memoria de Manuel Antonio.
Ferrín sinalou que o discurso estaba "filtrado pola palabra en prosa" conformando "unha das poucas páxinas en prosa de Xohana Torres que foron publicadas". Para este escritor e exprofesor no IES Santa Irene da cidade olívica, estas palabras foron un "encontro de titáns". Por unha banda, Torres; polo outro, o creador de De catro a catro. Sobre el, Xohana Torres dixo aquel día do 2001 que el é o que "leva a crónica de a bordo", "o protagonista de tódalas metáforas". Tras le-la escolla, Ferrín sinalou que "non se pode engadir nada ante a perfección", só "o silencio".
O segundo en intervir foi Francisco Domínguez, amigo persoal tamén de Xohana Torres, á que se referiu como "figura senlleira da nosa identidade". O director da Penzol rememorou como, entre 1965 e 1970, cando residía en Bilbao para estudar e traballar, vendía libros en galego de Galaxia á comunidade galaica do Centro Galego de Barakaldo.
Así , tivo "o primeiro coñecemento de Xohana Torres" da man de dúas novidades editoriais e teatrais: Un hotel de primeira sobre o río e A outra banda do Iberr. Para Domínguez, as dúas obras evidencian "o papel das mulleres como resistencia". As dúas pezas, das que leu varios anacos, evidencian xunto a outras obras máis o seu compromiso con non permanecer calada naquel tempo difícil da ditadura.
Tras Domínguez, interviu Anxo Angueira. O profesor e escritor vencellou tamén a Xohana Torres co movemento do océano referíndose a ela como "a gran poeta do mar que ten Galicia", herdeira da poesía de Manuel Antonio pero tamén da súa ousadía vital na defensa de Galicia, da súa cultura e da súa xente mediante "a resistencia".
Angueira trazou unha conexión entre Rosalía de Castro e Torres. De feito, trala última remodelación da Casa de Rosalía, nunha parede do cuarto onde finou a nai das Letras Galegas fíxose unha intervención con poemas sobre ela de catro autores galegos: Curros Enríquez, García Lorca, Luis Pimentel e Xohana Torres.
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- ¿Qué había en la consumición de Pablo?
- Belleza perruna: estas son las 10 razas de perro más bonitas que existen
- «Que no se hagan ilusiones; las reformas del papa no tienen vuelta atrás, salvo que quieran una Iglesia de museo»
- Un joven de Vilagarcía fallece en una caída de moto en Cádiz
- Micosis fungoide: así es el cáncer raro que se confunde con otras enfermedades de la piel
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Cáncer de ano: un riesgo para los mayores de 50 años que puede confundirse con almorranas