Á directora redondelá Diana Toucedo, gústalle o misterio do celuloide. Na súa última película, Trinta lumes, que abriu o festival de cinema de Ourense OUFF, explórao, escarvando no imaxinario e na realidade do Courel e a súa xente. O evento da cidade de As Burgas desenvólvese ata o venres e hoxe mesmo ofrece un adianto do filme de Óliver Laxe, o galego e un dos poucos españois en lograr un premio no Festival de Cannes en dúas ocasións.

Toucedo, ó igual que Laxe, é un dos expoñentes do denominado Novo Cinema Galego. A súa última cinta explora nos seus códigos a cabalo do documental e da cinta de ficción. "Somos autores dunha xeración que nos formamos con cinemas máis contemporáneos onde os xéneros se mesturan, onde as fronteiras e os límites non están claros", sinala a creadora galega quen engade que "traballar dende a realidade é moi suxerente para moldeala a través da linguaxe cinematográfica para que empecen os tintes de ficción".

Respecto ó fin do filme, duns 80 minutos, confesa que "a película busca construír unha ollada sobre unha Galicia descoñecida: o Courel. Quería achegarme a ese universo que é moi cercano. É o misterio do poder do cinema, achegarte a aquelas cousas que son próximas pero que, ó mesmo tempo, poden ser moi lonxanas", explica Toucedo.

No filme, a realizadora procura o referente dos versos de Novoneyra que "se refería ó Courel coma un iceberg; porque só se conseguía mirar un anaquiño pequeno. Empecei a traballar nesa idea enigmática, en todo aquilo que podería ser invisible".

A pirueta plasmouse en "facer visible un mundo que non o é. Esa realidade paralela, ese lugar misterioro é o lugar dos mortos, ese máis aló que está distante pero que pode estar ó pé noso". Deste xeito, a vida cotiá no Courel baixo a ollada de catro nenas, as protagonistas, vai compartir protagonismo coa procura dunha delas dese universo intanxible.

Respecto dos personaxes, "busquei achegarme moito á xente do Courel. Levo seis anos indo alí. A idea comezou polo colexio Uxío Novoneira de Seoane do Courel, para coñecer moito como eran os rapaces cunha mistura de inocencia e co peso co que lidian como son as herdanzas, as tradicións. Iso está en contraste coas novas tecnoloxías. Partín de cada unha delas, da súa curiosidade pola vida e por cuestionar ou procesar esas herdanzas. Sen entrar en arquetipos ou personaxes construídos previamente, empecei a traballar con elas", apunta a realizadora

En canto termos narrativos, Diana Toucedo resaltou que elixiu un formato panorámico "porque pon a figura humana co fondo, que son as montañas, o horizonte, o que está arriba e abaixo tamén. Con el, un primeiro plano nunca é un primeiro plano porque hai aire á dereita e esquerda, pon en relación ó personaxe co arredor".

A directora galega engade que "a búsqueda do misterio que é a vida, queríaa traballar dende a cámara dende un lugar moi invasivo do espazo do personaxe que se ve. Quería traballar coa idea de que hai presenzas ó noso arredor como a da natureza e dos mortos e outras enerxías; e a cámara acaba sendo un máis deses espíritus. Para iso, traballo con moitos angulares e con cámara en man", explica.