Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un notario na cultura

Unha persoa atenta e comprometida cos máis desfavorecidos

Pertencía Alfonso Zulueta de Haz a unha estirpe viguesa de raigame industrial que, sen embargo, colleu outras roitas na sua vida persoal e profesional. Sen deixar de ser nen de actuar como un auténtico vigués, mudou a tradición familiar polo dereito, a cultura e, de cando en vez, tamén a política. Da sua formación xurídica dá conta, entre outras cousas, a frecuencia con que visitaba a librería xurídica por excelencia de Madrid, que era a Marcial Pons, con cuxo dono chegou a ter moito trato persoal. A estadía madrileña tamén o levou a frecuentar residencias universitarias como o César Carlos, viveiro de vocacións políticas que logo afloraron na transición democrática. O seu compromiso político galego manifestouse na participación nos círculos de oposición antifranquista e na fundación do Partido Galego Social Demócrata (PGSD), así como na promoción de diversas actividades xurdidas da sociedade civil. Porque el foi persoa atenta non só á vida social, senón comprometida cos máis desfavorecidos, como mostra a Fundación Sálvora, entre outras iniciativas.

Alfonso Zulueta foi un notario de profesión que cultivou o contacto coa cultura e coas suas institucións. Nos seus tempos de notario en Marín e residencia en Pontevedra, formou parte de tertulias con G. Torrente Ballester e foi presidente do Ateneo da capital. Logo, en Vigo, integrouse progresivamente no campo cultural do grupo Galaxia, pero desde unha militancia católica, con presencia na Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT) e, logo, na Fundación Penzol e na propia casa matriz. Como presidente da SEPT, promoveu a primeira tradución da Biblia ao galego desde as linguas orixinais (hebreo, grego e arameo). Dacordo cun vello refrán, podería decirse que no campo da cultura non "matou mouros", pero "enxendrou quen os matara"

Alén destes trazos profesionais, Zulueta de Haz participou de forma moi activa na principal institución cultural, creada por decisión do Estatuto de Autonomía, que é o Consello da Cultura Galega. Foi alí onde onde comecei a ter trato persoal con el e a fortuna quixo que lle sucedese na presidencia desta institución. El incorpororáse ao Consello no ano 1991, en tempos da presidencia de Filgueira Valverde e en poucos anos foi elixido vicepresidente (1998) e, á morte de Carlos Casares, presidente (2002 a 2006). No desempeño do seu traballo no seo do Consello da Cultura deixou moitas pegadas, nomeadamente no ámbito da filoloxía, o dereito e o patrimonio natural. Pero a sua traxectoria nesta institución marcou tamén un estilo de traballo, presidido pola elegancia das formas e o rigor esixido ás actividades programadas. Na verdade, era o estilo propio do notario culto e comprometido, educado e pouco estridente. Asi era en vida e así nos deixou estes días. Sic tibi terra levis

*Presidente del Consello da Cultura Galega

Compartir el artículo

stats