A Real Academia Galega (RAG) celebrou onte un acto musical e literario en homenaxe a Rosalía de Castro nas vésperas do 180 aniversario do seu nacemento. Versos de "Cantares gallegos" e "Follas novas", xunto a outros dedicados á poeta fundacional das letras galegas contemporáneas, encheron o salón de actos da sede da institución a través da música de Roi Casal e das voces dos membros da RAG Marilar Aleixandre, Salvador García-Bodaño e Luz Pozo, e das tamén poetas Rosalía Fernández Rial e Ánxeles Penas.

Tras a presentación do acto a cargo da nova académica de número Marilar Aleixandre, Roi Casal interpretou, "Ninfa das frescas augas", a súa lectura musical do poema XXVI de "Cantares gallegos". O artista, acompañado da cantante Silvia Ferré, poralles tamén música aos poemas II e X desta obra, na peza que titula "Rosa", e "Tecín soia a miña tea", de "Follas novas"; ademais de interpretar outras dúas composicións. Unha delas "A fortuna de poder amar", con letra e música propias, poralle o ramo ao acto. Os académicos Marilar Aleixandre, Salvador García-Bodaño e Luz Pozo achegaron tamén creacións propias en homenaxe a Rosalía. A primeira leu, ademais de versos de "Follas novas", o seu poema "Arrenego das pombas"; Salvador García-Bodaño declamou "Alas de ausencia te abranguen", "Nesta chaira da noite pecha de Bastavales" e "...pois que vés como a choiva e maina anegas"; e Luz Pozo agasallou ao público con outro poema de seu inspirado en Rosalía de Castro.

Ánxeles Penas deulle voz aos poemas rosalianos "Adiós" e "Ladraban contra min que camiñaba", e mais a outro propio titulado "Do mar pola orela mireina pasa", que toma o seu nome dun dos versos da poesía que lle dedicou Curros Enríquez á escritora tras o seu pasamento. Pola súa banda, Rosalía Fernández Rial leu "Daquelas que cantan", "Tal coma as nubes" e un fragmento de "Ti a feiticeira".