A directora de arte Marta Villar recibirá o premio de honra 'Fernando Rey' 2017 por decisión da Academia Galega do Audiovisual (AGA), que con este galardón quere "recoñecer os moitos anos de traballo e a impecable traxectoria dunha compañeira que aínda que esté -e neste caso máis que nunca- detrás do decorado, forma parte sustancial do noso audiovisual". A Academia tamén subliña a relevancia que ten entregarlle un premio de honra á unha profesional técnica xa que "son moi poucas as ocasión nas que estes galardóns recaen no persoal técnico e menos aínda en mulleres".

Marta Villar, natural de Vigo, formouse como deseñadora de interiores na Escola de Arte Mestre Mateo a principios dos anos 80. O seu primeiro traballo profesional no mundo do audiovisual foi no cine da man de Chano Piñeiro para quen, en 1986, fixo os decorado da curtametraxe Esperanza. Dous anos despois, no 88, realizou o seu primeiro traballo para televisión, o decorado do programa Vivir Aquí, da TVG. E en 1994 creou por primeira vez os decorados dunha serie, Pratos Combinados.

Dende entón o traballo como directora de arte e deseñadora de decorados de Marta Villar é unha constante no audiovisual galego, tanto no cine como principalmente en televisión. Para TVG ten deseñado os platós de series como Rías Baixas, Fíos, Os Atlánticos, Avenida América ou A Casa de 1906 e de programas actualmente en parrilla como A Revista ou Zig Zag, así como de diversos programas especiais das noites electorais. No ámbito do cine foi directora de arte de películas como Heroína, Agallas, Los muertos van deprisa, A Praia dos afogados ou recentemente Migas de Pan.

A viguesa recibirá o galardón no transcurso da Gala dos Mestre Mateo, presentada pola actriz de Narón Iolanda Muíños, que tera lugar no Palexco da Coruña o sábado 4 de marzo. A gala, que estará dirixida por Manolo Cortés, terá tamén unha destacada compoñente musical que correrá por conta da compañía Voadora.

Na celebración anual do audiovisual galego tamén se entregará o premio 'José Sellier', dedicado a recoñecer iniciativas salientables no sector audiovisual, ao programa deportivo de TVG En Xogo. Un recoñecemento co que a Academia quere poñer en valor "o traballo levado a cabo durante máis de 30 anos por este programa a prol da normalización da língua e de apoio ao deporte, no só aos maioritarios, senón principalmente ao deporte de base, aos femininos e a aqueles que adoitan ter escasa repercusión nos medios". Tamén quere recoñecer o feito de que En Xogo ten sido ao longo destas tres décadas "unha grande escola de profesionais pola que pasaron moito e moi bos profesionais do audiovisual galego".