A Real Academia Galega celebrará este mércores o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha homenaxe literaria e musical. O músico Roi Casal interpretará poemas da escritora musicados por el mesmo nun acto no que tamén haberá recitados dos seus versos a cargo de Rosalía F. Rial, Ánxeles Penas e os académicos Marilar Aleixandre, Salvador García-Bodaño e Luz Pozo. A celebración terá lugar a partir das 19:30 horas no salón de actos da Academia (rúa Tabernas, 11 - A Coruña). A entrada é libre ata completar aforo. É impresdincible retirar previamente o convite na sede da RAG.

A homenaxe deste mércores non é a única iniciativa da Academia arredor do aniversario da escritora fundacional das nosas letras contemporáneas, nada o 24 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela. O Arquivo da institución puxo a disposición de todos o público a comezos deste mes a súa colección de imaxes da autora, a máis completa das existentes, a través de Galiciana.

A maioría dos documentos incorporados son fotografías da autora en distintos momentos da súa vida, entre elas a realizada polo estudio coruñés de Sellier convertida nunha das imaxes máis coñecidas de Rosalía de Castro, na que aparece cun chapeu de plumas. O mesmo retrato, feito nos primeiros anos de década de 1880, pode verse nunha copia en forma de óvalo e noutra reprodución sobre o debuxo dunha tea.

Rosalía sendo aínda unha moza, no ano 1855, fotografada por Mr. Encausse et Cie -con estudio na rúa do Vilar de Santiago de Compostela-, un retrato realizado entre 1865 e 1875 ou a fotografía na que a escritora posa coa familia no exterior Casa da Matanza en xullo de 1884 son tamén parte das imaxes que incrementan os documentos da RAG dixitalizados dispoñibles a través de Galiciana. A fotografía do retrato pintado por Ricardo Camino e unha tarxeta publicitaria de Ceregumil con debuxo e biografía de Rosalía datada entre 1910 e 1920 completan a relación de documentos.