Xabier Paz (A Coruña, 1949) leva máis de trinta anos en Vigo, onde traballou no Instituto Español Oceanográfico. Tralo éxito da súa novela "As vidas de Nito" (Xerais, 2013), o escritor recupera o fío do seu primeiro libro de narrativa "Renacer" (Xerais, 2008) contando a historia dunha muller pintora na Italia de Caravaggio, Artemisia Gentileschi, en "Aníbal e a pintora" (Xerais, 2017), o cal presenta esta tarde, ás 19.30 horas, no auditorio do museo Marco vigués, acompañado pola profesora de crítica literaria da Universidade de Vigo, Beatriz Suárez Briones, e o director de Xerais, Manuel Bragado.

-¿Por que elixiu contar a historia da pintora Artemisia Gentileschi?

-Todo comezou cun cadro atopado en internet. Un cadro dun tema bíblico moi tratado na historia da arte, "Susana e os vellos", do que chamoume a atención o carácter como de estatuas das figuras e o debuxo nítido. Procurando a autoría din con Artemisia. Sendo xa estrano dada a ausencia de mulleres na historia da arte, que nos queren facer pasar por natural como se a cousa fose así, algo que é falso, e non fora nada raro que fose así, cousa aberrante? ademais atopei que o pintara con dezasete anos. Abraiado, a miña curiosidade aumentou exponencialmente e debruceime naquela autora; ahí comezou a aventura. Algo semellante lle ocorre ao protagonista da miña novela, Aníbal Moreda.

-Como foi o proceso de documentación sobre esta artista?

-Foi laborioso, aínda que cada vez hai máis documentación. Agora mesmo hai unha exposición monográfica dela en Roma e en 2012 houbo outra en Milán que tiven ocasión de ver. Cada vez existe un catálogo razonado máis amplo da súa obra. Existen polo menos catro novelas, todas elas escritas por mulleres, e mesmo unha película, un pouco estrana xa que o violador se convirte en amante.

-Dende o principio pensou en facer unha novela?

-Non traballo dun xeito moi planificado, das múltiples lecturas metínme nun engedello, como tamén lle sucederá ao protagonista da novela e ao amigo que herda os seus papeis. Aparecía a figura de Galileo, que foi amigo e correspondente de Artemisia, e outra figura, a de un pai que chegou a cardenal xesuíta e foi moi importante na Contrarreforma, Belarmino. De feito empecei a pensar nun libro que se chamara "A pintora, o sabio e o santo inquisidor" pero iso evoluíu para quedar ela máis destacada e resultou "Aníbal e a pintora".

-E qué vai pasar coa historia de Galileo?

-Desprendeuse como un proxecto autónomo dado a súa densidade intelectual, científica e humana. Así, de xeito inesperado, vin rematar (porque esta outra novela xa a teño practicamente rematada) unha triloxía que comezou con "Renacer", a historia de tres amigos que representan unha potencia cultural impresionante, Tiziano, Sansovino e Aretino, centrada na filla deste último, Adria. Despois a historia continúa con Artemisia e rematará con Galileo, a través de quen contarei a Contrarreforma dende outro punto de vista, menos estético e máis intelectual e científico, con especial presenza da súa figura como pai e fillo. Se a editorial o considera, podería ser unha triloxía da gran cultura europea metida na literatura galega.

-Por que emprega personaxes históricos nos seus últimos libros?

-Os personaxes históricos son como o renglón sobre o que escribir, pero iso non quere dicir que me quede na súa peripecia histórica. Son unha disculpa para falar de cousas que me interesan: as relacións pais-fillos, a sombra do incesto, as dificultades para ser persoa autónoma das mozas e das mulleres ao longo da historia, o papel do oficio na construción personal, o peso da familia... Temas universais.