Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O primeiro filme gai en galego

"Nove de novembro" é a primeira película LGTB rodada en Galicia e busca financiación vía 'crowdfunding'

Lázaro Louzao.

Ana G. Liste

"Quería contar como eran os catro últimos días nunha relación de parella porque sempre se contan as rupturas moi brutais ou as reconciliacións, e eu quería centrarme nese momento no que remata unha parella simplemente por fastío, porque xa son moitos anos e acabouse e punto". Lázaro Louzao é o director de "Nove de novembro", o primeiro filme de temática gai que se vai rodar na Galiza en galego.

"Ademáis de analizar iso, quería confrontalo cun evento histórico para crear esa dicotomía entre o mundo interno e o externo e como evolucionan paralelamente. Por iso escollín a caída do Muro de Berlín como metáfora da ruptura dos dous protagonistas", explica Louzao, natural de Xove (Lugo), quen afronta con esta cinta a súa primeira longametraxe.

Louzao non pensaba que fora o primeiro en rodar unha película de temática LGTB (lesbianas, gais, bisexuales e persoas transxénero) en galego e quedou sorprendido. "Din por feito que tiña que haber algunha e cando xa tiña moi avanzado o guión dinme de conta de que había personaxes gais ou lésbicos nalgunha película, sen ir máis lonxe 'A Esmorga' ten un transfondo homosexual moi amplo, pero nunca se falara dende a centralidade da historia duns personaxes gais", sinala o director, quen sen pretendelo vai ser un pioneiro no audiovisual galego.

"Nove de novembro" pretende chegar ás nosas pantallas en xaneiro do ano que vén, pero para iso precisan un mínimo de cartos que lles permitan rodar o filme e levar a cabo a postprodución. Por iso, Louzao iniciou unha campaña de micromecenazgo na plataforma online Verkami na que se poden aportar desde tres euros ata cincocentos. "Puxemos un obxectivo de 8.000 euros no crowdfunding porque é o mínimo mínimo para a rodaxe, poder facer unha boa labor de postprodución e as copias da película. De feito, é que ningún de nós cobra por facela", apunta o director. Restan trinta días para participar nesta campaña, que xa leva recaudado a metade do seu obxectivo final.

A acción da película transcurre nun apartamento de A Coruña onde Miguel e Roberto pasan as que serán as súas derradeiras horas en parella. Mentres, de fondo, e a partires das imaxes que mostra a televisión, case un terceiro protagonista da historia, a cidade de Berlín tamén vive os últimos momentos do réxime comunista. É novembro de 1989 e o filme conta a caída de dous muros, o simbólico que separa á parella e o real que abriu a porta a un novo capítulo da historia xeopolítica mundial no século XX.

"Mentres escribía o guión os personaxes ían crecendo segundo o tempo no que transcurre a historia. A finais dos anos oitenta había moita incidencia do sida e quixen tratalo, tamén se fala da transición española, da lei de vagos e maleantes, e da discriminación que había nesa época", conta Louzao.

O actor pontevedrés Ademar Silvoso e o betanceiro Brais Yanek son os protagonistas desta cinta que enviarán a máis de trescentos festivais e coa que agardan facer un percorrido por salas alternativas de toda España. Ademais de subila a unha plataforma online para que chegue a máis xente.

"Penso que é un proxecto político, so o feito de querer centrar a acción nun tema así xa é un acto político, e que sexa a primeira en galego tamén", di o director. "O cinema galego ata a chegada do dixital tivo unha produción moi limitada, a súa é unha historia de excepcións, por iso quizáis somos os primeiros en facer unha peli así", engade Louzao.

Compartir el artículo

stats