Dende que empezaron a funcionar no ano 1988, os cursos "Galego sen fronteiras" difundiron a lingua propia de Galicia entre máis de dúas mil seiscentas persoas chegadas dos cinco continentes e este ano procurarán, unha edición máis, incrementar o número daqueles que están interesados en coñecer mellor o idioma e a literatura galega a través dunha nova convocatoria.

A xa "tradición", como aseguran dende a Real Academia Galega (RAG), unha das entidades organizadoras das convocatorias que acolle Santiago, prográmase desta vez entre o 3 e o 24 de xullo e o prazo de solicitudes para os interesados está aberto ata o vindeiro 24 deste mes.

O programa, informa a RAG nun comunicado, diríxese a alumnado e profesorado universitario interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de xeito "particular", vencellado aos centros de estudos galegos que existen en distintas partes do mundo. Non obstante, está aberto a calquera interesado que cumpra dous requisitos: ser maior de idade e de fóra de Galicia.

Segundo destasca a Real Academia Galega, a iniciativa constitúe unha ferramenta "de gran utilidade para a internacionalización e normalización" da cultura galega. Dese xeito, engaden, "moitas das persoas que hoxe traballan no eido dos estudos galegos fóra de Galicia foron antes estudantes dos cursos "Galego sen fronteiras". A RAG argumenta que estes cursos serviron "de impulso" para o estudio e a investigación da cultura galega en todo o mundo. "Esa presenza internacional", enfatiza a Real Academia Galga na súa páxina web, "xunto cos moitos centos de persoas de moi diferentes nacinoalidades que se expresan con toda naturalidade e normalidade en galego cando visitan Galicia, constitúe tamén un factor moi importante de prestixio" para o galego e a súa cultura.

Estes cursos están organizados pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Os seus directores son Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, e Xosé Luís Regueira, tamén membro de número da institución. Constan de tres niveis (elemental, medio e superior) e neles combínanse, segundo informa a RAG, as clases teóricas e as prácticas, palestras impartidas por figuras destacadas da cultura galega e visitas a lugares de interese "histórico e natural", entre outras.

Nos niveis inicial e medio fórmase aos alumnos en comprensión e expresión escrita e oral. O curso superior de lingua e literatura galegas consta de varios seminarios.