É o resumo de 20 anos da súa carreira musical, os que levan tocando e cantando xuntas, dende Bruselas, pero con intensa pegada galega. E iso que non naceron na terra dos seus avós. Elas son belgas pero nas súas casas de Bruselas sempre se respirou Galicia. Tanto que foi no país onde fixou a súa base a Unión Europea, territorio tamén de Tintín, da mítica cervexa e de deliciosos bombóns en escaparates de película, onde Verónica e Natalia Codesal, Marisol Palomo e Magalí Menéndez, aprenderon galego, practicaron a tradición e a cultura popular e a golpe de ´tambourine et cornemuse´ (pandeireta e gaita) axudaron a crear, a través dos centros galegos da emigración, o gusto pola conservación do propio.

No 2011 sacaron o seu cuarto traballo ´Simbiose´ e agora volven cunha recompilación moi especial: ´Camiño´. Pretende ser un resumo de dúas décadas de carreira, con 13 temas, moitos deles practicamente iguais dende o principio, tradicionais, e outros máis elaborados, de autor, co papel clave de Brais Fernández. Co disco queren lembrar, e tamén explicar aos máis pequenos, a historia da emigración. Os avós das compoñentes de Ialma deixaron Galicia e acabaron en Bruselas, para buscar un futuro mellor. De feito, nos concertos, as pandereteiras galego-belgas reproducen parte da historia familiar con diálogos, entre tema e tema. Xa fixeron varios concertos con este disco en Bélxica, Austria e Francia, moitos deles en escolas. En Galicia estrearán en directo o son do seu traballo o 24 de febreiro na Casa de Rosalía, en Padrón.

Ademais de temas tradicionais, o disco inclúe unha cantiga en italiano, que aprenderon hai moito tempo, segundo contan as protagonistas. Porque outro dos ángulos deste traballo é a diversidade cultural e a multiculturalidade que as ´Ialma´ experimentaron nun país como Bruselas, de feito falan varias linguas ademais de castelán, galego e francés. Esa mestizaxe cultural percíbese especialmente neste traballo. Tamén se lembran dos refuxiados, a modo de paralelismo coa historia de moitos emigrantes.