Nun escenario repleto de músicos, con banda e numerosos colaboradores que encheron de cor e matices de distintos estilos musicais o García Barbón, Guadi Galego mostrou, por primeira vez, o seu último traballo: "O mundo está parado". E para o que foi o debut do seu recente disco, no que a cantante galega gaña peso como compositora e cantautora (un camiño xa iniciado en discos previos), elixiu o Concerto de Nadal que cada ano organiza a Universidade de Vigo.

Aproveitou para agradecer á institución académica que cada ano aposte por talento galego para a celebración musical previa ás festas, nun lugar especial como é o Teatro A Fundación, no corazón da cidade olívica. "Estou encantada de presentar o meu traballo aquí, xusto neste escenario onde actuei por primeira vez hai case 20 anos con Berrogüetto", comentou para empezar Guadi. Expresou que un dos seus desexos era facer un disco con Carlos Abal, producido por Pachi García, con composicións dos tres. Por certo, esgotou a edición en vinilo de mil exemplares no primeiro mes.

A artista de Cedeira optou por unha posta en escena moi xenerosa, en canto a instrumentistas, con cuarteto de corda incluido (violíns, cellos) e tamén de vento (trompeta, trompa e trombón), ademáis dun orixinal 'atrezo' para a choiva (paraugas de cores suspendidos). Ademais dos autores do disco, formaban parte da banda o guitarrista e compañeiro da artista en numerosos traballos previos, Guille Fernández, o pianista Abe Rábade, o acordeonista Santi Cribeiro, Isaac Palacín á batería ou o clarinetista Pablo Pascual. Do sur, Anxo Pintos, que acompañou coa súa zanfona á artista. Ela definiu a Pintos como multiinstrumentista e fixo un guiño ao barrio de Bouzas. O escritor Anxo Angueira participou cunha sentida lectura.

E no transcurso desta cita musical, na que non faltaron os coros do público, Guadi contou tamén cunha colaboración especial, a do músico e compositor gaditano Javier Ruibal. "É un dos meus ídolos, hoxe cumpro un dos meus soños", expresou Galego, emocionada. Sonia Lebedinsky ocupou tamén un lugar importante nun concerto no que a artista de Cedeira tocou o piano de cola, ao principio e ao final. Con Lebedinsky, que hai pouco sacou o seu disco "Deserto de Centos", Guadi interpretou varias cancións a dúo. Así sucedéronse temas do novo traballo, como 'Vas cara arriba', 'Dende que marchaches', 'O privilexio é soñar', 'Cedeira' ou 'O mundo está parado', que leva o nome do disco.

Tamén interpretaron temas de anteriores traballos, como 'Matriarcas' (de "Lúas de outubro e agosto") ou 'Espido', do disco con Guillermo Fernández. Atrás queda a música con Berrogüetto, 'Nordestinas', 'Benzón' ou 'A Cada Canto', con Xabier Díaz, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero. E varios premios, coma o que concede o Xornal La Opinión de A Coruña cos seus premios folk anuais ou o Martín Códax, a mellor artista e canción de autor.

Para poñer fin a unha hora e media de reloxos parados na noite do mércores, os músicos despediron o concerto recordando a Fran Pérez (Narf), compositor e músico galego falecido recentemente. Lembrárono imitando o seu xesto.