A alumna Paula Pena, do IES Faro das Lúas, de Vilanova de Arousa, quedou primeira no I Concurso de Relato Breve Fundación Valle-Inclán, galardóns que foron entregados esta mañá no concello arousán. Pena Alfonso, de 14 anos, recibiu o premio pola súa narración breve titulada "Aquela carta". "Regaláronnos un diploma e un ordenador portátil", expresou Pena tralo acto de entrega dos galardóns. Esta arousana, que cursa na actualidade 3º de ESO, asegura que inda non tiña ordenador propio: "o regalo para min é perfecto". De que vai o conto que escribiu Paula? "É sobre un mozo que está nunha casa e ve no chan unha carta e non sabe de quen é. A partir dese momento empeza todo o que acontece logo", conta Pena, que apunta que adora a literatura e escribir.

O segundo premio foi para o relato "En que pensas, Helena?", de Fátima Ezzahra Ibrahimi, estudante do IES Luís Seoane de Pontevedra, mentres que a concesión do terceiro premio recaeu nas obras "Un futuro semiprometedor", de Rubén Oubiña Mosteiro, e "Podo dicir que a miña vida é bonita", de Marta Domínguez Pérez, ambos alumnos tamén do IES Faro das Lúas. Os catro estudantes recibiron esta mañá os galardóns da Fundación Valle-Inclán, do Concello de Vilanova de Arousa e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Este certame está dirixido a estudantes de Secundaria dos "concellos valleinclanianos", co fin de fomentar entre o alumnado a creatividade literaria e tamén de difundir a figura do creador do esperpento, co gallo da programación conmemorativa do 150 aniversario do nacemento do escritor.