A Real Academia Galega acolleu este xoves a derradeira xornada do simposio dedicado a Manuel María, protagonista do Día das Letras Galegas de 2016. O encontro concluíu coa proxección do documental Eu son fala e terra desta miña terra, de Margarita Ledo, no que a voz grave do propio autor é recuperada a través de distintas gravacións para fiar un relato que conxuga imaxes de diferentes fontes, motivos e épocas con outras filmadas pola cineasta en escenarios e lugares que o evocan. A académica clausurou o simposio acompañada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidades que colaboraron na organización.

O programa de hoxe arrincou cunha mesa sobre poética e política que xuntou a Carlos Quiroga e Pilar García Negro. O público viaxou deseguido no tempo, ata o Monforte dos anos setenta para coñecer a libraría Xistral, rexentada por Manuel María e a súa dona Saleta, coa fascinación que a descubriu o xornalista e escritor Antón Lopo na súa infancia. Outro convidado, Xosé Lois García, foi o encargado de ofrecer un percorrido polas paisaxes identitarias da escrita do homenaxeado e a académica Fina Casalderrey, escritora e mestra, lembrou a importancia que tivo a obra de Manuel María para a normalización da lingua galega a finais dos anos setenta, cando puido por fin entrar nos centros de ensino.

Moreas de mestres e mestras bateron por primeira vez con Manuel María na escola, andando "á procura de materiais atractivos para conquistar alumnado", rememorou. "Na infancia modelamos a conduta e construímos a nosa identidade. Nesta formación, a escola ten un papel decisivo. A valiosa achega da obra de Manuel

María é incuestionable. A forza da súa palabra e a súa inquebrantable e profunda convicción fixeron que a súa obra resultara, e resulte, inmensamente eficaz na recuperación da nosa identidade como pobo, contribuíndo, así, á normalización, asemade que a saborear a beleza da lingua galega", expresou Fina Casalderrey. "Os ensinantes estamos en débeda con Manuel María. De todas as merecidas homenaxes que se lle renden, intúo que as que se lle fan nos diferentes centros de toda Galicia son das que máis o emocionarían, se alá onde estea alguén lle levase recado".

Entre os elementos que emprega na súa obra Manuel María para proxectar a identidade galega, a paisaxe ten un significado especial. Xosé Lois García lembrou os versos e outros textos que lles dedicou á súa casa natal, a Casa de Hortas, a toda a Terra Chá, ou a Monforte de Lemos, paisaxes "matriciais e patrióticas" visualizadas por "un pensador que as transbordou a eses versos que nos descobren a apoteose identitaria de cada un dos espazos que singularizan o pulo da nación galega".

Antón Lopo trasladou o público a outro espazo importante na vida de Manuel María e na súa propia, a "nave espacial Xistral", a libraría que o escritor e a súa dona abriron en Monforte en 1970, que se converteu axiña nun auténtico foco de difusión cultural. Tamén lembrou a emoción do día no que entrou por primeira vez naquel "espazo branco, como a nave espacial da película de Kubrick", onde Manuel María e Saleta Goy lles inculcaron a el e a outros mozos o amor á literatura, creando "unha auténtica universidade literaria".

Na mesa de poética e política, moderada por Margarita Ledo, a relación de Manuel María con Portugal foi un dos temas abordados, da man do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Quiroga, que salientou o "encantamento mutuo" entre o autor e o país veciño.

Pilar García Negro analizou a intervención política na poesía de Manuel María e reivindicou a obra caracterizada como política, aqueles versos que responden "a unha necesidade social e cívica", e constitúen unha parte significativa da súa produción. A profesora da Universidade da Coruña salientou que esta non se pode considerar "poesía servil" senón "poesía heraldo". "Sorprende, en todo caso, que esta macro-empresa poética se desestimase por mingua estética, cando é admitida sen reservas, na súa continxencia histórica, en autores como Antonio Machado, Rafael Alberti, Miguel Hernández ou Gabriel Celaya", declarou.