Anxo Fariña (Vigo, 1977) decidiu aparcar Os Megatoxos tras as súas aventuras para o público lector máis novo. No seu lugar, pasouse a un lado máis escuro na narrativa, baixo o título Horizonte de sucesos e a apariencia dunha novela. Editado por Xerais, o libro vén de saír editado. Destaca polas pegadas autobiográficas e por un xeito diferente de ir tirando do fío da historia. O punto de partida é un rapaz, en primeiro de Belas Artes, que entra como bolseiro nun centro de acollida de menores onde un suceso modificará a súa vida cara a madurez.

-Por que este salto a una historia máis escura?

-Ata o de agora, facía obras máis infantís e xuvenís pero esta historia levaba tempo dentro de min e necesitaba contala. Inda que é un libro ambientado nun centro de acolida para nenos non é un libro para nenos. Os personaxes son mozos adolescentes ou postadolescentes que se enfrontan a temas crus. Teñen problemas de drogas, de falta de familia ou amizades. O protagonista enfróntase ós problemas da madurez. Todo é contado mediante flashbacks e haberá un incidente que o cambia todo pero a intriga chegará ata o final.

-Nun momento, o protagonista pregúntalle ó seu médico se lle daría a un fillo os medicamentos que lle receita a el.

-Este libro é unha denuncia dos pacientes con dor crónica. Ás veces, está ambientada en momentos de hai 20 anos. Para moitas enfermidades, actuouse e actúase mediante ensaio-erro. Moitos medicamentos receitados hai 20 anos son realmente hoxe en día cousas terribles. A mítica aspirina que nos daban de nenos agora xa non se lle dá ós cativos. Se se mirase con detemento o trato que reciben os nenos en determinados servizos igual se darían conta de que non faría falta tratalos dese xeito.

-En que medida esta novela ten retazos biográficos?

- Moitas das historias que conto están baseadas en feitos reais. Esa realidade que mostro existe. Ti vas a un hospital falar con pacientes con dor crónica e poden contar historias para non durmir. Este libro é unha débeda comigo mesmo. En certo modo, foi un pouco terapéutico, por iso, o lado escuro. Eu comparto fortes dores como os do protagonista.

-Que lle move a vostede a relatar?

- Depende da historia. Cando escribo para rapaces e nenos, gústame divertilos, facer que sexan felices. Algo que di o protagonista e que eu comparto é que, ás veces, unha historia pode facer esquecer a un neno a historia máis terrible da súa vida. Por iso, paga a pena escribir.

-Ben sei que é difícil, pero vostede séntese máis a gusto debuxando ou escribindo?

-É moi dificil a escolla, neste libro non ía debuxar nada pero ó final fixen a cuberta, baseada no Xardín das Delicias de El Bosco. É como un xogo de bonecas rusas. Non se verá a cuberta igual antes que despois de ler o libro.