A Feira Internacional do Libro de Bos Aires, na Arxentina, está considerada a quinta máis importante do planeta. O pasado ano, atraeu a 1,2 millóns de persoas. Esa Babel de tinta e papel e agora bits ten tido, dendo o seu nacemento no 1975, unha raíz galega máis profunda do que poidamos imaxinar. É nesta edición número 42 cando se fará homenaxe a ese vencello, marcado principalmente pola emigración e o exilio do pasado século XX e a súa herdanza. Por primeira vez, terá como cidade convidada a unha entidade galega: Santiago de Compostela.

Dende a Consellería de Cultura, trazaron un programa abraiante de 150 actos para dar resposta ó magnánimo convite. Preto de 30 escritores desta beira do mar acudirán a presentar os seus libros en galego, daren charlas e conversaren con cativos que cursan galego entre os días 21 de abril e o 9 de maio.

O presidente do PEN Clube de Galicia, Luís González Tosar -que intervirá no programa- apunta "que non pensen algúns que, só por asistir á Feira, imos arrasar. Os que tiveron o mérito foron os emigrantes". Esta voz dun porteño fillo de galegos que ós 18 anos deixou a quinta provincia para retornar coa familia engade que "a grandeza" de Galicia foi tecer vencellos do pasado ó futuro da man da emigración. Advirte tamén "que adicar a Santiago esta edición dignifica a condición de galego alí. Existen estigmas. Os que vaiamos alí temos que tratar de dignificar a nosa cultura e non buscar só que nos traduzan un libro ou editen editoriais porteñas".

En Bos Aires, falarase neses días do ano Cela, Valle-Inclán, Seoane, Maruja Mallo, de como determinadas figuras galegas contribuíron ó nacemento desta Feira, das novidades audiovisuais e literarias galaicas.

Un dos primeiros actos será un diálogo entre a escritora viguesa Ledicia Costas (Esmeraldina, a pequena defunta; Escarlatina a cociñeira defunta) e o alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, que cumpre a súa maioría de idade este curso. O director do centro, Carlos Xavier Rodríguez -oriúndo de San Román, Cedeira- tamén olla alén dos beneficios económicos ou do ego persoal: "Ter a Santiago como cidade convidada este ano é unha ledicia. É importante pór en valor a nosa cultura, que se expanda. Para nós, é un orgullo ter un papel importante na Feira e recibir as máximas figuras intelectuais do noso tempo no Instituto. O día 25 de abril, noutro acto da Feira, os alumnos darán a Manuel Rivas o premio Rosa dos Ventos que se outorga a unha institución ou persoa que destaca polo seu compromiso cívico".

Rodríguez leva no centro porteño dende o 2002 cando a Xunta lle propuxo dar alí clases. O Instituto é privado e está xestionado pola Fundación Galicia-América. O 78% do alumnado son descendentes de galegos. Os restantes son coreanos, peruanos, chilenos, bolivanos... "que se achegan á nosa cultura -explica- porque senten cariño por ela". Este centro imparte, dependendo da etapa educativa, entre tres e oito horas semanais de horas lectivas en galego culminando os estudos falándoo de xeito fluído.

Con 565 estudantes dende Infantil a Bacharelato, teñen nas súas mans unha "mensaxe importante. Nós levamos o nome de Galicia e non podemos andar con medias tintas. Temos que defender o nome con feitos e modernidade potenciando a cultura e lingua galegas pero tamén cunha alta calidade educativa", engade Rodríguez.

O proxecto do Santiago Apóstol é un "soño" que non puido vivir de novo Luis González Tosar -que ten acudido ó centro para recibir homenaxes- cando ansiaba estudar en galego en Bos Aires. Tampouco puido formarse nel o cineasta galego-arxentino Xan Leira. Este último presentará tres documentais sobre o Libreiro Maior de Bos Aires Francisco Gil e a presenza de Borges nos Xogos Florais da Lingua Galega no 1968.

Na actualidade, na organización da Feira, atópanse persoeiros de ascendencia galega como o presidente da Sociedade Arxentina de Escritores, Alejandro Baccaro Chao. Décadas atrás, outras figuras tamén fixeron que Galicia e a feira do libro arxentina se desen a man. Un deles foi Francisco Gil.

Nado no 1915 en Forcarei e falecido no 1997, chegou de neno a Bos Aires. "Con 15 anos -explica Xan Leira- empezou a traballar na librería O Ateneo, a máis importante de Bos Aires, ubicada na rúa Florida, que viría sendo a do Príncipe de Vigo. Alí, empezou a facer carreira ata que chegou a ser o responsable da sección literaria. Tras unha mudanza a outro local, esta librería convertiuse na máis grande do mundo". Alí, acodían presidentes de países americanos, artistas e literatos que mantiñan tertulias cada día.

Dende ese lugar, Gil artellou unha iniciativa precursora de marketing comercial: a Primavera da Letras que organizou dentro da librería onde escritores acudiron a asinar os seus libros ós compradores. A iniciativa, tivo boa acollida e ó ano seguinte, Gil propuxo que saíse á rúa Florida e convidou a outros libreiros de vello a vender libros ó aire libre con sinaturas de autores tamén.

A medida foi tan exitosa, que o goberno de Bos Aires tomou nota e creou a Feira do Libro de Bos Aires. Pola súa aportación á mesma e o seu traballo a prol da cultura, as autoridades outorgáronlle a Gil o recoñecemento de Librero Mayor de Buenos Aires. Para Xan Leira, Francisco Gil merece unha homenaxe na súa terra de Forcarei polo centenario do seu nacemento así como na Feira do Libro da cidade arxentina onde presentará un documental sobre a súa figura.

A historia de Bos Aires está marcada polo rego galego, pola súa aportación de outrora que inda hoxe pervive cos seus froitos, grazas a unha cultura, unha lingua e millóns de tesóns de emigrantes e exiliados. Entre eles, tamén Castelao, que será lembrado na Feira e que escribiu parte do Sempre en Galiza na terra austral.