Cómpre estar algo tolo ou ser un destemido para tratar de dicir algo novo de Rosalía de Castro no 179 aniversario do seu nacemento. Porén, aínda que semella estar todo ben establecido sobre a súa vida e obra, a miña sensación é que aínda queda moito por falar. Corren novos tempos que esixen de nós unha disposición máis xenuína respecto do mundo no que vivimos e, en consecuencia, respecto da figura senlleira de Rosalía, pois sen ela non sería posible entender unha parte esencial do sentir galego. Non precisamos xa máis estudos académicos sobre a súa obra e non podemos seguir achegándonos a ela co discurso limitado da razón, esmigallando cada concepto e constrinxindo en palabras algo que só se pode suxerir e que se desintegra en canto o mencionamos.

A Rosalía de Castro debemos entendela a través do subconsciente profundo, a través das zonas máis escuras da existencia, do trascendente, do ameazante, do oculto, do que fascina e obsesiona. E o camiño para acceder a esa imaxe tráxica da existencia que ela nos legou pasa pola parte feminina da nosa natureza, pola nosa percepción emocional. Rosalía expresaba a través da poesía o seu mundo emocional e se algo caracteriza á súa obra é a dor. Estaba familiarizada coa dor, unha dor que ela identificaba co sufrimento de tódalasmulleres e que ía acompañado do impacto abafador da súa gran sensibilidade.

Custáballe establecer filtros emocionais e mentais con respecto aomundo, non atopaba uns límites claros que lle desen seguridade e non tomaba distancia do seu inconsciente, como podemos apreciar nos seus mellores poemas. "Que lle pasará a un que non sexa como se pasase en todos os demais? En min e en todos! Na miña alma e nas alleas!", lese en Follas Novas. Por iso atopou refuxio no illamento. Primeiro vivindo nas sombras do seu matrimonio con Manuel Murguía e máis tarde pechándose en casa para criar aos seus fillos.

A angustia acompañouna ao longo de toda a súa vida. Unha angustia opresiva que poderiamos rastrexar nas circunstancias do seu nacemento. Foi bautizada como filla de pais incógnitos e non coñeceu o seu pai, que era sacerdote, ata que cumpriu os 19 anos. É posible que se sentise máis filla do pecado e do antagonismo que resultado dunha relación amorosa entre os seus proxenitores. Nalgúns poemas aparecen mozas atormentadas polo que consideran"amoriños pecadentos", e noutras ocasións rexeita de forma case instintiva todo o que teña certa intensidade emocional.

Reprégase ante esta forza do mesmo xeito que se repregaba ante omundo,porque realmente o que estaba a expresar era o seu temor a sí mesma, a toda aquela intensidade que podía chegar a sentir. Hai no interior da nosa autora unha loita a morte entre dous principios irreconciliables: entre a paixón e a sensibilidade, entre os abismos máis tenebrosos da alma e os doces abismos da emoción, entre as sombras que aniquilan e as augas que confortan, entre e o resentimento e a conmoción, entre a Virxe e o Demo. Ela mesma é o campo de batalla e sábese portadora do mal, dun conflicto eterno que ás veces tamén proxecta nos outros, como cando acusa aos casteláns de tratar mal aos galegos.

Rosalía de Castro só atopaba acougo nas augas dos ríos, das fontes, dos regatos e sobre todo do mar. Antes de morrer pediu que lle abrisen a ventá para ver o mar, algo imposible dende a casa da Matanza en Padrón. A auga como símbolo da vida espiritual e emocional é unha clave importante dentro da súa obra.

Foi nas augas libres da súa imaxinación onde escribiu versos de infindos significados. "Somos arpas de só dúas cordas, a imaxinación e o sentimento", dixo en relación ás mulleres. Sabemos que non é así, pero tamén é certo que ninguén fixo nunca unha música tan fermosa e doente con tan poucos sons.