A actriz Larraitz Urruzola, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, levará durante os próximos meses por trece concellos galegos o espectáculo de monicreques A viaxe de Rosalía, unha peza coa que intentarán achegar "a vida e a personalidade" da "autora galega máis universal" ao público familiar. A obra está pensada para público en xeral a partir dos 6 anos, aínda que a actriz destacou a posibilidade de que nenos e maiores xuntos coñezan máis de preto a figura de Rosalía de Castro, dado que ata o de agora "non había nada" con este enfoque orientado ás familias.

Durante a presentación, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou a celebración -mañá- do 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e confiou en que a montaxe sirva para "homenaxear" dende os concellos á escritora padronesa. Valentín García deu conta dos detalles deste novo espectáculo pensado para promover a lingua galega entre o público xeral.

A proposta combina técnicas de narración oral tradicional e interpretación a cargo do equipo de actores con monicreques de mesa creados especificamente para a ocasión e música. Quen mellor para achegarnos a Rosalía que a propia madriña que axudou a criala? Pois nesa premisa se basea o espectáculo, no que os asistentes poderán coñecer "a vida e a personalidade" da autora de "Follas Novas" contada a través da súa madriña, Francisca do Campo. Ela será quen realice un percorrido dende a "Rosalía nena" ata a súa vida adulta, pasando por algúns dos seus poemas máis coñecidos.

O espectáculo, de 45 minutos de duración, enmárcase na quinta edición do programa "FalaRedes", que coordina Política Lingüística a través dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística de Galicia.

Escrita e dirixida por Lucho Penabade, a peza mostra a unha Rosalía de Castro "feminista, culta, valente e comprometida" fronte a algúns "tópicos", recolle aspectos "cotiáns" da súa vida e evidencia puntos descoñecidos da súa personalidade, como a súa grande afección ao teatro.

"Nas vésperas do Día de Rosalía, que conmemoraremos o 24 de febreiro, presentamos unha nova actividade para a Rede de Dinamización Lingüística de Galicia", asegurou o secretario xeral. Valentín García rematou sinalando que "esta será a segunda ocasión na que se lle renda tributo a Rosalía e se contribúa a divulgar a súa figura, vida e obra desde a rede, que xa acolleu en 40 concellos a actividade "Rosalía pequeniña"con motivo do 150º aniversario da publicación de "Cantares gallegos" noano 2013".

A obra xira arredor dos monicreques, da música e da súa propia interpretación actoral. Pero A viaxe de Rosalía vai moito máis aló. Estamos diante dun coidado espectáculo no que traballou un recoñecido elenco artístico e técnico galego. Ademais da propia Larraitz (produtora, actriz e construtora dos monicreques), este espectáculo é posible grazas a un equipo composto por Lucho Penabade (autor e director); Luís Javier Iglesias (cabezas dos monicreques de Rosalía e aderezo); Olga Viéitez (vestiario e corpos de Rosalía); Mirari Urruzola (escenografía); José Luís do Pico (espazo sonoro); Juan Luís Rúa (fotografia) e Xosé Bocixa (vídeo).

Percorrido

O espectáculo arrancará o 5 de marzo na localidade coruñesa de Frades e pasará posteriormente por Cerceda, Guitiriz, Mondariz, Padrón, A Lama, Curtis, Mondoñedo, Pontedeume, Ponteareas, Santa Comba e Vilamarín. A última función será en O Rosal.

O local multiusos do de Frades acollerá o vindeiro 5 de marzo, ás 11.30 horas,a primeira parada do espectáculo. A continuación, a peza viaxará durante os meses de marzo, abril e maio por outros doce concellos, para se despedir no Auditorio Municipal do Rosal cunha función o próximo 7 de maio ás 18. 30 oras.

O calendario completo está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais do programa "FalaRedes" e na Axenda de Cultura de Galicia. Coma sempre nese programa, a entrada á actividade é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

O programa de dinamización lingüística "FalaRedes" chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística de Galicia.

Os obxectivos do mesmo son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, "FalaRedes" chegou a todos os concellos que integran a rede (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.