O teatro camiña polas rúas en Baiona
O casco histórico será escenario hoxe da montaxe "Un paseo polas pedras", unha guía teatralizada que estrea o alumnado dos cursos do centro sociocomunitario baixo a dirección da dramaturga Mónica Sueiro. A ficción móvese da capela de San Xoán a Santa Liberata, á igrexa parroquial, á biblioteca á rúa do Conde e remata no xardín da Casa da Navegación

Un momento do ensaio dos grupos do centro sociocomunitario en Santa Liberata. / Pablo Hernández Gamarra
Que o auditorio municipal leve seis meses pechado polas filtracións de auga e problemas estruturais non quere dicir que a cultura quedase paralizada en Baiona. Máis ben todo o contrario. A Aula de Teatro que dirixe Mónica Sueiro segue en stand by, á espera dun lugar no que desenvolver a súa actividade, pero a afición polas artes escénicas segue moi viva na vila e agora ten espazo no centro sociocomunitario. Alí xurdiron este curso dous grupos, un de maiores de 16 e outro de maiores de 65. Son vinte persoas en total, oito e doce respectivamente, as que os forman. Xuntos estrean hoxe xoves «Un paseo polas pedras», un percorrido teatralizado polo casco histórico con escenas en movemento que parten ás 20.30 da capela de San Xoán.
«Baiona é un personaxe máis neste paseo escénico», explica Sueiro. Trátase de «esceniñas de poucos minutos cada unha» que suman pouco máis de media hora en total. O público, subliña a directora e autora do texto, vai desfrutar de diferentes personaxes que van aparecendo e van deixando «pousos de Baiona». «De xeito moi poético deixarémonos levar por esa Baiona mariñeira que nos identifica», recalca.

Os grupos de teatro do centro sociocomunitario con Mónica Sueiro tras o ensaio en Santa Liberata. / Pablo Hernández Gamarra
Os espectadores non sentarán esta vez para contemplar a proposta escénica, senón que terán que seguir o elenco polas rúas da zona monumental. De San Xoán trasladaranse a Santa Liberata, logo á igrexa parroquial, á biblioteca municipal no antigo hospital Sancti Espiritus, á rúa do Conde e ao xardín da Casa da Navegación. Nas paradas verán ficcións de lavandeiras, xentes do mar, peregrinos, turistas...
Será un novidoso espectáculo para despedir o curso ata setembro. «Pensei que sería máis divertido e dinámico para darlle vida ás rúas da vila ca meternos no centro sociocomunitario para facer a obra. Para min é importante que a cultura salte á rúa e non quede só nun escenario. Temos que dinamizar escenicamente todo o posible para que a xente queira velo», engade Sueiro.
Non hai un perfil de actriz ou actor nestes grupos de recente creación. No de adultos comparten ensaios rapazada de 16 anos con homes e mulleres de trinta ou cincuenta e pico. No da terceira idade, a veterana ten 84 anos. «Xuntar xente tan diversa é moi enriquecedor, que vivan experiencias xuntas, que aprendan uns doutros», subliña a directora.
Os protagonistas da actividade, que ensaian unha vez á semana, remataron onte as clases co ensaio xeral, «con moitos nervios, pero moi emocionados e ilusionados» por ser a primeira vez que fan teatro a maioría.
Os cursos volverán despois do verán ao centro sociocomunitario e as persoas interesadas poden solicitar información ou anotarse alí mesmo.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- Condenan al Sergas por la extirpación «a ciegas» del útero a una joven de 33 años en Vigo
- Evacúan en helicóptero desde Cíes a un turista asturiano después de desmayarse
- CIG-Saúde denuncia la contratación de médicos sin especialidad en los PAC del área de Vigo
- La Guardia Civil confirma que la mujer de A Portela, en Bueu, llevaba tres semanas muerta en su casa
- Las quejas de los hosteleros, uno de los motivos de la prohibición de los conciertos en los chiringuitos de playa de Vigo
- La Xunta advierte de una «desbandada» de las concesionarias de cafeterías escolares tras la normativa estatal de comedores
- El verano ya no es solo vacaciones: cada vez más jóvenes vigueses cambian la playa por el trabajo