Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio cultural

O Camiño tamén pasa por Gondomar desde o século XIII

O novo libro de Antonio Soliño documenta a ruta xacobea da Nosa Señora do Norte, que aspira a ser oficial coma a da Costa e que atravesa o municipio desde Couso ata Vincios bordeando o pazo do Conde

Antonio Soliño, co libro sobre o Camiño da Nosa Señora do Norte, xunto á ponte románica de Mañufe.

Antonio Soliño, co libro sobre o Camiño da Nosa Señora do Norte, xunto á ponte románica de Mañufe. / ALBA VILLAR

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Gondomar

Hai dez anos que o Camiño Portugués da Costa foi declarado oficial e neste tempo converteuse na que máis medra das rutas xacobeas. Comezou con 2.600 peregrinos en 2016 e rematou o ano pasado con 90.000. Os mais deles pasarían pola ponte da Ramallosa, a só uns poucos metros de Gondomar, que tamén quere ser parte do fenómeno cultural e turístico do Camiño de Santiago cunha variante propia.

Trátase do chamado Camiño de Nosa Señora do Norte, outra alternativa do traxecto luso que existía xa no século XIII e que atravesa o municipio gondomarés desde Couso ata Vincios. O arquitecto e investigador Antonio Soliño Troncoso documenta todos os detalles deste antigo vieiro a Compostela no seu novo libro, «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago. O fito da ponte de Mañufe». O autor e o alcalde, Paco Ferreira, preséntano mañá venres ás 12.30 horas no Antigo Matadoiro.

O Concello editouno coa intención de por en valor esta alternativa do Camiño Portugués para solicitarlle á Xunta a súa oficialización xunto co veciño de Tomiño, por onde pasa tamén. Datos que avalan a súa antigüidade e afluencia non faltan. A investigación de Soliño recolle a existencia de alomenos dous hospitais de peregrinos, un na parroquia tomiñesa que leva ese nome e «acreditado nun documento de 1295», e outro xunto á ponte de Mañufe, «que foi trasladado a Baiona no século XV».

Pero comecemos polo principio. Igual ca o da Costa, o da Nosa Señora do Norte é unha ramificación do Camiño Portugués hexemónico que entra en Galicia por Tui. «Son variantes que se foron establecendo arredor de puntos de cruce do Miño, neste caso en Goián», explica o autor. Esta ruta sepárase da central en Barcelos, cruza Viana do Castelo, Caminha e Vilanova de Cerveira para atravesar o río cara esta parroquia de Tomiño. O estudioso luso Manuel Inácio Fernandes da Rocha referenciou o trazado ao outro lado da raia e Soliño faino a este.

Ao chegar a territorio galego, «segue cara Estás e Hospital, onde o topónimo xa sitúa o lugar onde atendían os peregrinos, e logo a Tebra», indica. «Desde alí sobe á Portela de Couso, baixa en dirección á Feira da Doce, xunto ao pazodo Conde, e conflúe coa Estrada Real que unía Baiona con Tui ata Mañufe, onde se atopa coa ponte románica que foi fundamental nas comunicacións do Val de Miñor», salienta. Este viaduto ao que lle concede protagonismo amosa inscrito o ano 1135 en números romanos nun dos seus sillares, polo que se sitúa entre as máis antigas do Val Miñor «Na súa encrucillada sur fálase do hospital Sancti Spiritus que logo se desprazou a Baiona e na norte, no Cruceiro do Acordo, celebrábanse as xuntas do antigo partido de Val de Miñor (s. XVI- XVIII). É unha ponte importantísima e é desesperante que despois de tantos anos e tantos intentos siga con ese taboleiro indecente de formigón enriba e cos pretiles retirados. É un desastre inaceptable», lamenta Soliño.

O traballo inclúe un plano despregable do trazado por cada un dos concellos polos que pasa —Tomiño, Gondomar, Vigo e Redondela, onde se une xa ao Portugués central—. De Mañufe diríxese ao pazo de Fontán, ao Portelo e vai polo pazo de Pampillón ata A Areíña, en Vilaza, sobe por Pego Negro e O Tumbio, xa en Vincios, cara A Pasaxe, para entrar en Vigo por Valadares, Castrelos, O Castro ata A Falperra, casco vello e de alí cara Teis e Chapela, onde sobe por Cidadelle ata Trasmañó e baixa por Cedeira ata rematar en Vilavella, xa en Redondela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents