Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Novo festival

Festa Raxada: 72 horas de cultura galega no monte de Gondomar

Mercedes Peón e Dakidarría encabezan o cartel do festival que promoven a cooperativa A Casa das Redes e a comunidade de montes de Couso, que incluirá concertos de artistas da contorna, teatro, roteiros, xantar popular e feira artesá do 12 ao 14 de xuño

Parte da organización no terreo onde preparan os concertos, xunto ao campo de fútbol de Couso.

Parte da organización no terreo onde preparan os concertos, xunto ao campo de fútbol de Couso. / ACDR

Gondomar

«Aquí vai ocorrer algo especial». Téñeno moi claro a dous meses de que comece Festa Raxada, o novo festival que nace para quedar na axenda da comarca miñorá e facerlle oco nela á música galega os días 12, 13 e 14 de xuño. Serán 72 horas de concertos e actividades gratuítas en Couso, no municipio de Gondomar, organizados desde a veciñanza. A cooperativa A Casa das Redes e a comunidade de montes da parroquia gondomaresa están detrás deste evento que contará con Mercedes Peón e Dakidarría como platos fortes e que, amais de música, inclúe teatro ao aire libre, roteiros, xantar popular e feira artesá.

As iniciativas sociocomunitarias e colaborativas son a carta de presentación das dúas entidades que se uniron para facer realidade un festival que «non chega de fóra, non se instala, senón que se constrúe aquí, por xente daquí para a xente daquí», explica Dámaris Sánchez, da cooperativa A Casa das Redes. «Nun momento no que case todos os festivais parecen iguais —grandes escenarios, marcas, présa— Festa Raxada vai por outro camiño. Aquí a proposta é máis sinxela, máis ambiciosa: facer cultura con sentido, dende o rural e para a xente», subliña.

Son «moitas horas» as que este grupo de persoas, unha ducia polo de agora, está a adicarlle á preparación do que serán tres xornadas enteiras de propostas culturais galegas, «primando as que apostan pola lingua galega e por darlle protagonismo ás mulleres e identidades diversas sobre o escenario», afirma.

Aos concertos estrela sumaranse outros dezaséis confirmados polo de agora, a gran maioría de artistas da comarca. Entre eles, Brassica Rapa, Netta Rufina, SON IOU, Xente Tóxica, Seitura, Antimums, Os Pataghullos, The Gotxos Party, Esmorgadas e Bloquinho Aperta, xunto coas sesións de Quinito DJ, DJ Rapante e os sets con Kimera e MDS, que alongarán as noites ata ben entrada a madrugada. Tamén haberá presenza de propostas máis ligadas ao territorio e á tradición como Geles Alva e Baiona Bay, «conectando xeracións e formas de entender a música», salienta Dámaris.

Organizadores de Festa Raxada, nunha reunión na Casa Veciñal de Couso.

Organizadores de Festa Raxada, nunha reunión na Casa Veciñal de Couso. / FdV

Os espectáculos musicais están previstos no entorno do campo de fútbol de Couso, pero as actividades estenderanse por toda a parroquia. O teatro terá lugar no Bosque da Lingua e os roteiros, por pistas forestais. Arredor da Casa Veciñal haberá acampada e unha festa de despedida.

Os asistentes terán a oportunidade de «conectar co monte, unha vía para crear compromiso coa comunidade de montes e coa súa xestión», engade o presidente dos comuneiros de Couso, Xosé Antón Araúxo, quen incide na importancia de «que a xente se identifique co territorio e vexa a importancia que ten o monte, esta ferramenta tan valiosa que temos en Galicia».

Todo se prepara sen apoio institucional polo de agora. «Este é un festival 100% autoxestionado», recalcan. Esperan que daquí a xuño se materialice a colaboración das administracións, pero polo momento contan só coas achegas de dezaoito patrocinadores privados:Abanca, Finsa, Fruitas Vilar, Lalo’s Bocateria, Simbiose, Landra Consultora, Grupo Essal, Excavaciones Rubio, Excavaciones Mecca, Maderas Rogelio Piñeiro, Copena, Maderas José Sousa, Desbroces Núñez, Salcón Alimentaria, Teuma Modular SL, Rocamar, Cafetería Casa Veciñal Couso, Ancla Tattoo Studio. Co seu apoio teñen cuberta a metade dos custos, que calculan en 60.000 euros en total. Para completar o orzamento e acadar fondos para o ano que vén haberá unha barra autoxestionada con comida, Ultramarinos Josefa, e venderanse rifas para sorteos de regalos de comercios.

Son moitas as persoas xa implicadas con Festa Raxada. Á ducia das integradas na organización súmanse xa outras trinta inscritas como voluntarias para a loxística do festival, que se autoproclama feminista e que contará cun Punto Lila e unha brigada de coidados para garantir un espazo seguro e libre de violencias.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents