Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O gando que salvará o monte galego

Vincios funda con outras sete comunidades de montes de toda Galicia unha asociación para impulsar a cría extensiva de razas autóctonas como ferramente de conservación do territorio forestal e de prevención de incendios.

Vincios funda unha asociación para impulsar a cría extensiva de razas autóctonas como ferramente de conservación do territorio forestal

Marta G. Brea

Gondomar

Vinte vacas cachenas e 50 cabras mestizas coidan O Galiñeiro e arredores desde hai algo máis dun ano. Manteñen limpo o monte e afastan o perigo de incendios coa súa alimentación. Son unha ferramenta de conservación «moi potente», explica o coordinador da comunidade de montes de Vincios, José Taboada. A entidade forma parte de Movegandex, a asociación Montes Veciñais con Gando Extensivo que acaba de nacer en Galicia para extender este modelo e plantarlle cara ao lume. Son polo de agora oito as sociedades mancomunadas de toda a comunidade que a compoñen e onte xuntáronse na parroquia gondomaresa para dar a coñecer o seu proxecto.

Amais da de Vincios, forman parte deste clube de comuneiros gandeiros as comunidades de montes do Rosal, Camposancos (A Guarda) e Meira (Moaña), na provincia de Pontevedra. As outras catro proceden da Coruña: Carballo, Raño (Irixoa), Esteiro (Muros) e Baroña (Porto do Son). Entre todas manexan un total de 5.253 hectáreas e dispoñen de 910 animais de cinco especies «traballando» no terreo. O 60% de razas autóctonas, xa que conservalas é unha das finalidades desta iniciativa, aparte de favorecer o emprego de sistemas respectuosos co benestar animal. Amais das vacas cachenas e as cabras mestizas de Vincios, hai porcos celtas, cabalos de pura raza galega, ovellas, cabras tamén de raza galega e tamén abellas.

A porta da agrupación está aberta para todas aquelas comunidades que queiran entrar, explica Taboada. O seu principal propósito é fortalecer a gobernanza comunal do territorio, promover o pastoreo extensivo como ferramenta de conservación ambiental e impulsar a vida sostible nas zonas rurais galegas.

Axuda a todos

O gando do monte axuda a todos isto porque «está perfectamente adaptado ao medio, consegue alimentarse cos recursos dispoñibles que nacen de xeito natural, de maneira que abarata os custos», subliña o voceiro dos comuneiros de Vincios,que incide ademais nas vantaxes da presenza de animais nos espazos forestais para rebaixar o risco de incendios e tamén para crear alimentos de kilómetro cero.

A unión destas entidades permite ademais, salienta Taboada, impulsar proxectos de investigación, formación e divulgación sobre prácticas sostibles e compatibles coa conservación da natureza, así como crear sinerxias e redes de cooperación coas administracións.

Un proxecto que, segundo consideran os seus promotores, «xoga un papel fundamental á hora de contribuir a mitigar o cambio climático mediante a creación de sumidoiros de carbono e valorizar os servizos ecosistémicos derivados da gandeiría extensiva». Por iso convidan a todos aqueles montes veciñais que comparten os fins para os que foi creada esta agruación a contactar co obxectivo de sumar esforzos e poñer en valor o monte galego. Agardan contar co apoio das administracións públicas e organizacións e actores implicadas co monte para a preservación e dinamización do sector da gandeiría extensiva nos montes en mancomún.

A xornada de presentación contou con Davide Outeiro, veterinario da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), os investigadores María José Rozados e Esteban Gómez do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán; Juan Picos, doutor en Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, e a xefa provincial do Servizo de Montes da Xunta, Amalia Pazos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents