Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Estudos Miñoráns e CSIC divulgan o cambio climático cunha exposición en Gondomar

O experto Fernando Valladares supervisa o proxecto e estará na inauguración da mostra o día 4

Fernando Valladares, nos faladoiros do IEM o ano pasado.

Fernando Valladares, nos faladoiros do IEM o ano pasado. / IEM

R.V.

Gondomar

Doce paneis de gran formato cunha selección de once infografías explicarán en Gondomar as causas e consecuencias do quecemento global para todos os públicos. Será na exposición «Ilustrando o cambio climático» do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e do proxecto Ilustraciencia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN-CSIC).

Trátase dun traballo traducido ao galego polo IEM e elaborado, na súa versión en español, por estudantes da Academia Ilustraciencia coa supervisión de Fernando Valladares, profesor asociado da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid e profesor de investigación do CSIC que dirixe o grupo de Ecología y Cambio Global do Museo Nacional de Ciencias Naturales. O investigador participou ano pasado nos faladoiros do IEM e inaugurará a mostra xunto co director da entidade cultural miñorá, Juan Hermida, o vindeiro día 4 na aula de cultura Ponte de Rosas de Gondomar ás 20.00.

Unha das infografías que se poderán ver na exposición.

Unha das infografías que se poderán ver na exposición. / IEM

Alí se poderá visitar a exposición ata o 17 de xaneiro de 2026 para comprender os puntos críticos do cambio climático cunhas infografías que abordan de maneira conxunta algúns dos efectos en cadea e dos procesos complexos producidos polo quecemento global que impactan drasticamente sobre a saúde do planeta. O proxecto permite descubrir ademais como a ilustración científica transforma a maneira de entender a ciencia e o mundo que habitamos.

A mostra complétase cun vídeo divulgativo no que o propio Fernando Valladares e os estudantes autores dos paneis explican de forma clara e visual o contido e o sentido deste traballo colaborativo.

O IEM ofrecerálles a centros educativos e concellos de toda a área de Vigo a posibilidade de levar a exposición para amosala nos seus espazos.

Tracking Pixel Contents