Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os alcumes de Nigrán estúdanse na escola

O alumnado de 6º de Primaria dos colexios públicos nigraneses recolle os sobrenomes tradicionais das súas parroquias para un libro, un calendario e un póster que editará o Concello

Rapazas no obradoiro que visitou o alcalde.

Rapazas no obradoiro que visitou o alcalde.

Nigrán

«Comezaron a chamarlle O Chosco porque lles chiscaba moito o ollo ás rapazas, non porque o fora», explica unha rapaza do colexio da Cruz, en Camos. No obradoiro de «lettering» que o Concello de Nigrán lles ofrece ao alumnado de 6º de Primaria de todos os centros públicos do municipio traballan na recollida dos alcumes tradicionais de cada parroquia e na mesa poden verse algúns relativos a familias: As Micaelas, os do Grilo, Balín, Serín... Cada un cunha historia detrás e moitos deles coa orixe menos esperada. A iniciativa forma parte dun proxecto do goberno municipal para conservar os sobrenomes que seguen vivos en cada barrio antes de que desaparezan.

O traballo comeza coa recollida de campo e o rexistro a través do taller que imparten Noelia Muíños e Ramón Quintas, deseñadores gráficos de Papelier, a papelería artesá que o Concello contratou coa finalidade de plasmalo todo a continuación nun libro ilustrado, un calendario e un póster.

Tras rescatar anos atrás a microtoponimia de cada recuncho do municipio, o goberno local pón o foco nos alcumes, habitualmente menos estudados pese a ser unha fonte de coñecemento sobre as dinámicas comunitarias, familiares e xeográficas, ademais de conlevar unha forte carga emocional para as familias ao implicar xeralmente os seus antergos.

Algúns dos alcumes recollidos en Camos. Taller apodos Nigrán. Noviembre 2025

Algúns dos alcumes recollidos en Camos. / FdV

«As novas dinámicas sociais, a falla de transmisión oral e os cambios de vida están a facer que se perdan os alcumes», advirte o alcalde, Juan González, e evitalo é a función desta iniciativa. «Non se trata de ser alcumadores de novos veciños nin de rescatar aqueles que buscaban ridiculizar ou estigmatizar, senón de recuperar alcumes tradicionais que, se os analizamos, achegan auténtica información antropolóxica e lingüística do municipio en disciplinas tan variadas como a botánica, a literatura ou a Historia», explica.

«O proxecto é multidisciplinar, combina a recompilación, interpretación e difusión dos alcumes cunha metodoloxía participativa, creativa e interxeracional, fomentando a implicación directa da veciñanza e, de maneira especial, dos rapaces», sinala ao rexedor. «Sumando neste traballo aos máis pequenos da casa como investigadores estamos garantindo esa transmisión oral que preservará os alcumes, ao tempo que poñemos a semente para que se interesen máis sobre os seus antepasados e os seus barrios, xerando ese sentimento de pertenza a comunidade que desde o Concello sempre fomentamos», salienta o rexedor.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents