Enquisa sociolingüística
O IES de Chapela constata un forte descenso do uso do galego
Nos últimos doce anos aumentou o monolingüismo en castelán entre o alumnado do 45% ao 54% e baixou o galego do 5,6% ao 1,9%

Alumnos do IES de Chapela cos carteis da campaña «Unha Semaniña Enteira». | ALDÁN SANTAMARINA

A enquisa sociolingüística realizada o pasado ano no IES de Chapela constata un descenso drástico do uso do galego nesta parroquia redondelá. A análise dos resultados sinala que se expresan maioritariamente en galego o 58% das avoas e avós, o 11% dos pais, o 8% das nais e o 2% do alumnado de ESO e de Bacharelato. Nos últimos doce anos produciuse entre o alumnado un aumento en nove puntos do monolingüismo en castelán (do 45% ao 54%) e un descenso do uso maioritario do galego (do 5,6% ao 1,9%).
Esta situación é percibida con preocupación pola maioría do alumnado, que decidiu apuntarse masivamente á campaña «Unha Semaniña Enteira», promovida esta edición de forma conxunta polo IES de Chapela, o Concello de Redondela, a Asociación de Empresarios, a Escola de Música de Chapela e os seis clubs deportivos nos que a mocidade da parroquia ocupa as súas tardes con adestramentos e competicións —Club Balonmán Chapela, Club de Remo de Chapela, Club de Patinaxe Arealonga, Club de Fútbol de Chapela e Fútbol Sala Campito e Arealonga—.
No reto realizado a semana pasada propúxoselles aos alumnos usar o galego todo o día durante os sete días en todos os contextos: na clase, na casa, nos adestramentos e outras actividades nas que ocupan a tarde. Son 254 rapazas e rapaces que lle deron vida ao galego na parroquia, cargándoo de futuro. Cada día o alumnado gravaba un audio dun minuto contando as súas experiencias relacionadas co uso do galego en contextos nos que non o fai habitualmente. Neles describiron a sorpresa e o apoio que atoparon entre a veciñanza máis maior de Chapela. Tamén describiron en moitos casos que as familias (nais, pais, irmáns) decidiron sumarse ao reto, conscientes do pouco uso que lle dan ao galego normalmente na casa.
Na campaña, a nivel do centro, estivo implicado o persoal non docente de conserxería, administración e limpeza, xunto coa cafetería do centro e boa parte do profesorado. Polas tardes, as clases na Escola de Música e os diferentes adestramentos deportivos tamén arrouparon a experiencia galegofalante da mocidade de Chapela o que creou durante a «Semaniña Enteira» un contorno galegofalante para toda a comunidade educativa.
Para o alumnado que conseguiu o reto, o Concello de Redondela ten programado un concerto na Alameda Castelao ao que asistirán tamén os outros institutos redondeláns.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega destacou as vantaxes de falar galego para mellorar os resultados nas probas que requiran esta competencia (exposicións, exames orais…) e subliñou que é a principal marca de identidade do pobo galego e a xente moza é a que pode darlle futuro.
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- Lola Galovart, Valedora da Cidadanía de Vigo, herida grave y en la UCI por el accidente de la AP-9 del sábado
- Chayanne, segunda confirmación de los conciertos de Castrelos en Vigo
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- Madonna responde al Celta y zanja el misterio de su camiseta: «¡La llevo puesta y represento a tu equipo con todo mi espíritu!»
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025