In memoriam
José Guisado Nogueira, o gardián teimoso da memoria local
O cronista de Mondariz faleceu o domingo aos 83 anos

José Guisado Nogueira.
Alberte Reboreda
José Guisado Nogueira (1942-2025) finou o pasado domingo aos 83 anos de idade deixando tras de si algo pouco frecuente: unha vila mellor lembrada do que a atopou. Cronista oficial de Mondariz, foi gardián teimoso da memoria local, dedicando boa parte da súa vida a escoitar o que os papeis vellos tiñan que contar.
Kubala —alcume polo que era coñecido a causa da admiración que profesaba cara este futbolista— era fillo de Hortensia Nogueira Costa (a primeira telefonista do concello) e do serrador republicano Alfredo Guisado Luaña, xulgado en Vigo polos franquistas en 1936 por rebelión militar co resultado inicial de sentenza a cadea perpetua.
Funcionario do Concello de Mondariz entre os anos 1966-2007, entendeu cedo que os concellos tamén merecen contar a súa historia. A súa obra máis importante foi «Mondariz. Historia, guía y hechos pasados» (1988), un libro pioneiro que puxo orde, datas e contexto ao pasado compartido de Mondariz e Mondariz Balneario. Aquel volume, que acadou tres edicións, converteuse axiña nunha obra de consulta obrigada, non só para investigadores, senón tamén para veciños curiosos ávidos de coñecer a súa historia recente.
Co paso dos anos o seu interese centrouse en diferentes perfís persoais, abordados nun estilo cálido e narrativo. En «Personaxes e algúns contos mondarizáns» (2013), Guisado deu un paso máis alá da historia documental para achegarse á súa memoria sentimental: persoas humildes, figuras populares e anécdotas que non adoitan entrar nos arquivos oficiais, pero que sosteñen a identidade social dun lugar.
O seu nomeamento como cronista oficial de Mondariz en 2016 non foi tanto un recoñecemento como unha homenaxe: Kubala xa exercía esa función moito antes de que a corporación municipal lle concedese o título. Por medio de artigos publicados no libro das festas de verán, fixo da divulgación unha forma de servizo público. Non escribía para brillar, senón para que Mondariz soubese de si.
Kubala destacou tamén como xogador e directivo do Mondariz FC, un club centenario ao que dedicou parte da súa vida. Herdeiro do bo facer de amadores destas terras como Manuel Lamartín, e compañeiro de xeración de Xoán X. Pérez Labaca, este erudito local estivo á altura do seu primeiro apelido, que na Idade Media significaba «ben preparado ou disposto», segundo lle relatou Méndez Ferrín no Faro de Vigo (2005) cando o noso cronista se interesou pola orixe do seu nome de familia.
Agora que perdemos a Kubala quedan os seus libros, os seus artigos cheos de datos e de saber, e unha lección silenciosa: a historia non pertence só ás grandes cidades nin aos grandes persoeiros, senón tamén ás vilas pequenas e á xente do común. José Guisado Nogueira soubo escoitalas e escribilas. E nese xesto sinxelo e perseverante deixou a súa mellor herdanza: unha obra dun valor inestimable para saber de nós.
*Alberte Reboreda é arqueólogo
- Cancelado el transporte de ría de primera hora entre Vigo y Moaña
- El geriátrico privado rechaza asumir el ingreso del presunto homicida de Lavadores: «Es un riesgo en la convivencia del centro»
- Davila 11/01/2026
- Persecución de película por Vigo: choca contra dos coches policiales y otros tres aparcados
- Mueren dos personas tras una colisión frontal entre un camión y un turismo en la LU-530 de Lugo
- Detenido un hombre por amenazar con un cuchillo a las puertas de un hospital de Vigo
- Alertan sobre el «timo del aviso del banco» tras estafar 20.000 euros a un septuagenario de Sanxenxo
- Natura sortea el oso que vigiló sus tiendas durante treinta años