Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Alfonso Pato Director do Festival de Cans

«Non queremos bater récords, senón facer un acto cultural único»

«En 23 anos cambiaron moitas cousas, pero nós intentamos non perverter nunca a esencia de Cans, que son os ‘jalpóns’, os chimpíns e a implicación veciñal»

Alfonso Pato, director do Festival de Cans.

Alfonso Pato, director do Festival de Cans. / Anxo Gutiérrez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Porriño

Alfonso Pato leva á fronte do Festival de Cans desde o seu comezo. Logrou converter un evento rural nun dos certames audiovisuais máis importantes de Galicia, con repercusión a nivel nacional. Cunha identidade máis que consolidada, o festival acende oficialmente os motores da súa vixésimo terceira edición o próximo xoves, día 21. Por diante, tres xornadas de moito cine, música e agroglamour.

—Edición número 23. Imaxinaba chegar ata aquí cando comezou o Festival de Cans?

Non (ri). Non imaxinaba nin chegar ata aquí nin estar eu aquí agora, pero iso xa o penso cada ano. Vamos de edición en edición, vendo. Nós o que dicimos sempre é que non facemos o festival para bater récords, senón para afianzar un xeito diferente de facer as cousas; facer un acto cultural único e diferenciado.

—En que cambiou o festival nestes 23 anos?

Cambiaron moitas cousas, pero nós sempre intentamos non perverter nunca a esencia de Cans, que son os ‘jalpóns’, os chimpíns, a implicación dos veciños, que eu creo que incluso foi aumentando; niso creo que non variou moito. O que cambiou foi a calidade das propostas, a cantidade de cineastas novos e novas que hai e a incorporación de novas tecnoloxías que democratizaron o cine. Aí si que notamos un gran cambio. O Festival de Cans empezou case collendo esa onda que subía e que levou o cine galego a estar onde está agora.

—Como de doado ou difícil foi organizar esta edición?

O festival ten unha inercia estrutural en canto a produción, administración e organización case mecánica que funciona ben. Aínda que moitas veces son eu a cara visible, durante o ano hai 15 ou 20 persoas que traballan periodicamente para manter isto en pé. A veces custa levantar a financiación, nese aspecto gustaríame recalcar que o Festival de Cans traballa por querer buscar unha discriminación positiva nos eventos que se celebren en contextos rurais porque consideramos que non é o mesmo dar unha cantidade de apoio nun entorno urbano que nun entorno rural como o noso no que non hai nada e hai que montar todo de cero.

—Xusto por aí ía a miña próxima pregunta. Que implica organizar un evento desta envergadura nun entorno rural como é a parroquia de Cans?

Implica un esforzo descomunal porque non hai espazos de cine, senón que se montan nas casas, tampouco de música; nin sequera temos un gran centro cultural como teñen tantas aldeas. Todo se monta desde cero: hai que cortar camiños, hai que montar xeradores, hai que ter seguridade de noite, hai que ter 15 ou 20 váteres portátiles... Todo iso hai que contratalo, mentres que nun festival urbano todo isto vénche dado cando che deixan un teatro ou un cine. Por iso dicimos que necesitamos unha discriminación positiva que, por certo, este ano nese aspecto, xa nos escoitaron na Deputación de Pontevedra, cousa que é de agradecer.

—Cal diría que é o prato forte desta edición?

Un dos pratos fortes é a presenza de Julio Medem, un cineasta que é historia viva do cine español das últimas catro décadas, que marcou a moitas xeracións de cineastas; e seguramente o premio de honra a Jaione Camborda, que é a primeira cineasta española que gañou unha cuncha de ouro no Festival de San Sebastián e a vimos crecer tamén no Festival de Cans. Tamén haberá un día, que é o mércores, que centramos moita enerxía nel, que estará enfocado a cineastas menores de 25 anos. Será unha xornada moi bonita que vai dar moito do que falar en edicións futuras.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents