Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Soan as campás de Ventosela

Ventosela homenaxea a «Saja», o seu párroco durante os últimos últimos trece anos

O párroco de Ventosela, José Carlos Rodríguez, Saja, durante a homenaxe.

O párroco de Ventosela, José Carlos Rodríguez, Saja, durante a homenaxe.

Mª Lourdes Castro Domínguez

Son as igrexas edificios singulares. Situadas normalmente en lugares de forte enerxía, presiden as parroquias das diferentes vilas. Dende elas, dende os seus adros, onde adoita non faltar unha Oliveira casi senlleira, adivíñanse as casas da veciñanza… como se o templo fose a referencia ou presidise a paz do lugar. As badaladas anuncian os eventos importantes e se estenden con interpretación inequívoca polos camiños e corredoiras. Hai badaladas de rutina, de ledicia, de alerta e de tristura… o templo, ben colocado, difunde a mensaxe.

En tan importante edificio, cobra relevancia inmediata quen o dirixe: o párroco. Máis aló da súa faceta puramente eclesiástica, a simbiose coa veciñanza é fundamental, porque arredor da igrexa están as alegrías e as penas de moitas das persoas da parroquia… e se poden construír cousas, en construcións que non levan bloques nin formigón …. Un cura que provoca distorsión ou pouco afecto, por moi ben que dispense a liturxia, non pasará á historia da parroquia, ou pasará para mal. A figura ten moito en común ca dos maestres, da cal algo sei por motivos obvios. Trátase de ensinar, de acompañar, de respectar os espazos das persoas pero ó mesmo tempo fortalecer os valores que nos fan medrar como xente de ben… nada doado o traballo, pero fundamental.

A parroquia de Ventosela non é allea a estas dinámicas e o párroco de Ventosela tampouco. Despois de 13 anos don Carlos, Saja, emprende outros camiños e a marca que deixa en nós é fonda de respecto e recoñecemento. Persona singular, moi singular, auténtica, honesta, comprometida, próxima e cultivada non tardou moito en facerse querer.

Ós fregueses de San Martiño chegounos ao corazón, sendo un placer ter compartido con vostede estes anos. Como en calquera relación prolongada, hai subidas e baixadas, momentos mellores e peores, pero cada un deles serviu para fortalecer tamén un sentimento que me atrevo a dicir que é común e é o de agradecemento. Agradecemento polas obras, pequenas ou grandes, e avances non sempre doados. Agradecemento por unir e non separar. Agradecemento por emprender e involucrarse. Agradecemento por andar con nós camiños que ahora quedan abertos para as que veñen detrás.

Soan as campás da igrexa de Ventosela. O son elévase e retumba en Fontecova, na Carosa, no Eido de Arriba, no Cotiño, en Castiñeira e en Vilar do Mato… soan na Miñoteira… e soan diferente desta vez… é unha mezcla de morriña por quen se vai e orgullo polo vivido. A xente de Ventosela sabe por quen tocan, sen dúbida…. Polo párroco da voz que facía vibrar o templo, soan por vostede D. Carlos.

*Mª Lourdes Castro Domínguez é presidenta da A.V.D.C Miñoteira - Ventosela

Tracking Pixel Contents