Os mestres da gaita irrompen nas clases de piano

O primeiro álbum de partituras de iniciación ao piano con pezas dos grandes mestres da gaita é obra do profesor e gaiteiro Xaime Estévez Vila. Unha homenaxe que contribúe á difusión da música galega nas escolas e conservatorios

Estévez, co álbum «Gaiteiros ao piano», que presenta hoxe na Escola de Música de Baiona.

Alba Villar

Ricardo Portela, Henrique Otero e Xosé Seivane ao lado de Mozart, Bach, Haendel, Beethoven ou Chopin nas clases de iniciación ao piano? E por que non? Os clásicos da música tradicional galega non aparecían nas clases de iniciación ao piano ata hai ben pouco. O responsable de introducilos é Xaime Estévez Vila, profesor de música, doutor en Ciencias da Educación e gaiteiro en activo na popular banda miñorana Os Terribles de Donas.

O seu álbum de partituras «Gaiteiros ao piano» ten un dobre obxectivo. «É unha especie de tributo aos grandes mestres que tiven a sorte de coñecer e tamén é literatura pianística que queda aí para os nenos e os principiantes», explica o autor. Hoxe preséntao na Escola Municipal de Música de Baiona ás 19.45 horas nun acto aberto ao público.

«É curioso como en calquera parte do mundo se pode achegar calquera á música galega a través do piano porque a música é unha linguaxe universal», comenta o autor

Como divulgador musical con maiúsculas, autor de numerosos libros e artigos arredor da música galega e dunha vintena de discos, Estévez goza do resultado deste recente traballo que borra fronteiras. «É curioso como en calquera parte do mundo se pode achegar calquera á música galega a través do piano porque a música é unha linguaxe universal», comenta o autor. Docentes de música doutros países xa lle pediron algún exemplar para traballalo ou mesmo para regalar.

Non existían versións pianísticas das 18 pezas que recolle este compendio. Máis da metade son adaptacións de clásicos xa desaparecidos como Benjamín Fernández Pazos, Ricardo Portela Bouzas, Benigno Méndez Cabaleiro, Emilio Flores Costas, Xosé Seivane Rivas, Henrique Otero Covelo, Xosé Romero Suárez, Nazario González Iglesias (Moxenas), Antón Corral Martínez, Xosé Casal Vázquez ou Anxo Gago Vaqueiro.

Aparecen tamén gaiteiros da actualidade que «significan algo» para o autor. Entre eles, tres alumnas e unha compañeira incluídas na publicación «As que dormen entre o centeo»: María Xosé López Villar, Magoia Bodega Pérez, Rebeca Carrera Argibay e Sabela Olivares. Unha das súas propias composicións, «O Valse do Miñor», outra do seu fillo, Jaime Estévez Moreira, e outra de Xosé Lois Miguélez Saínza completan a escolma.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents