Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Fulxente clausura da XVIII edición de Música no Claustro co Moser String Quartet

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Tomás Camacho*

O pasado día 7, no marco incomparable do claustro gótico do século XIII da catedral de Tui, pechouse a XVIII edición de Música no Claustro cun concerto do Cuarteto de Cordas Moser., formado polas violinistas Kanon Miyashita e Patricia Muro, a violista Élise Hiron e a violonchelista Lea Galasso.

O programa estivo composto por obras de Henry Purcell, Wolfgang Amadeus Mozart, María Teresa Prieto e Felix Mendelssohn-Bartholdy.

O concerto comezou coa “Fantasía núm. 11, en sol maior, de Henry Purcell. Esta obra forma parte dun grupo coñecido como “Fancies In Nomines”, verdadeiras xoias da música inglesa da súa época. Interpretada co fraseo, articulación e estilo precisos, dada a brevidade destas Fantasias, teria sido apropiado interpretar várias delas en conxunto.

O concerto continuou co cuarteto en Sol maior K 387 “La Primavera” de Wolfgang Amadeus Mozart. A música deste autor representa a transición do barroco ó clasicismo. Os catro movementos desta obra foron interpretados con suma corrección, mais por momentos botouse en falla o “condimento” propio de certas obras de Mozart -a ironía- “leggerezza del tocco”.

O Cuarteto modal I de María Teresa Prieto Fernández de la Llana (Oviedo 1895-México1982) pechou esta primeira parte. A estética musical desta autora incorpora as tendências avanzadas da Europa da época: neoclassicismo, dodecafonismo, expressionismo atonalista, etc.

Esta destacada membro da xeración do 27, xuntamente con outros intelectuais e artistas españois exilouse a México en 1936, após o asesinato do poeta Federico García Lorca en Viznar, Granada, e do músico Antonio José, en Burgos.

"O programa estivo composto por obras de Henry Purcell, Wolfgang Amadeus Mozart, María Teresa Prieto e Felix Mendelssohn-Bartholdy"

O “Cuarteto Modal I” de María Teresa Prieto componse de catro movementos I Adagio (dórico) II Scherzo Allegretto (modo lidio) III Andante Espressivo (eólico) e IV Fuga (xónico). Os subtítulos fan referencia aos modos musicais maior e menor da antiga Grecia, aínda que a súa estética e harmonía sexan contemporáneas.

O primeiro movemento, baseado na escala dórica, desenvolve unha bela melodía e unha estrutura harmónica delicada. O cuarteto, en perfecta concordancia, soubo empregar as dinámicas apropiadas, abondando momentos de verdadeira intensidade emocional.

O II movemento, parte dunha fermosa melodía en modo lidio. O seu ritmo expresivo interpretouse con gran precisión técnica e lirismo emocional. Os dous movementos seguintes, III Andante Expressivo, de aire melancólico e imitacións contrapuntísticas, e IV Fuga, foron executados maxistralmente, culminando esta sobresaínte e fermosa obra, suscitando unha enorme ovación do numeroso público asistente.

Rematou o concerto co Cuarteto Op 80, núm. 6, en fa menor de Felix Mendelssohn-Bartholdy. Este compositor, director e pianista, foi un dos músicos máis influintes e destacados do romanticismo. Nesta obra, o cuarteto Moser demostrou o seu bo empaste, fornecendo a cada un dos movementos do carácter, enerxía e intensidade propios do romanticismo. No terceiro movemento, Adagio, souberon extraer todo o lirismo, a tristeza e a emoción que o autor plasmou na súa partitura. Perfecta simbiose entre música e intérpretes. Espléndido final.

Agradecer aos que fan posible este tipo de eventos culturais: autoridades, entidades patrocinadoras, e sobre todo ao organizador e director artístico Samuel Diz. Sería recomendable que avisasen aos ouvintes de non aplaudir entre movementos, en obras que conteñan varios, como as do programa comentado. Pois, poden distraer aos intérpretes, e o máis grave, se perde a unidade da obra.

En resumo, un fulxente peche da XVIII edición de Música no Claustro.

*Profesor e exdirector dos Conservatorios Superior de Música de Vigo e Profesional de Ourense

Tracking Pixel Contents