“Máis que feligreses teño amigos”
Don Fran, o cura que gaña devotos en Baíña, Baredo e Belesar, celebra as vodas de prata sacerdotais con “moita felicidade”

O párroco Francisco Cabaleiro, na igrexa de Baíña. / Ricardo Grobas
Hai quen di que é un cura roqueiro, pero non é exactamente o caso. “Algúns pensan que teño moto e guitarra. É unha lenda urbana”, comenta entre risas Francisco José Cabaleiro Lorenzo, o párroco de Baíña, Baredo e Belesar. O certo é que viste camisetas de AC/DC ás veces, ten tatuaxes e leva aneis, pero na música tén gustos moi variados: “Escoito de todo menos copla”. Si, don Fran, como lle chaman nas súas parroquias, non é un crego común. Co seu sentido do humor e o seu estilo desenfadado, tanto nos oufits coma no xeito de divulgar a fe, suma fieis cada día e chega ás vodas de prata sacerdotais con gran satisfacción. Celebra os 25 anos de traxectoria mañá luns, 13 de maio, cunha homenaxe da Diócese de Tui-Vigo, nos actos de conmemoración da consagración do Seminario ao Corazón de Xesús.
Ordenouse en 1999 e atopa “moita felicidade” cando repasa este cuarto de século. “Saber que axudas os demais e sentirte rodeado de xente que te quere é para min a maior felicidade”, subliña. Tras oito anos de traballo nestas tres parroquias de Baiona, e outros dezasete antes en Vigo, ten claro que “máis que feligreses teño amigos”.
“Saber que axudas os demais e sentirte rodeado de xente que te quere é para min a maior felicidade”, subliña
¿Como consegue que a xente volva á igrexa? É unha cuestión de actitude, asegura. Aparte dos dez mandamentos da lei de Deus e dos cinco da santa nai igrexa, segue dous propios: “antes de ser cura hai que ser unha boa persoa” e “non coñezo só os meus feligreses, coñezo os meus veciños”. Non espera por eles no altar, senón que é un máis na rúa, nas tendas, nos bares e onde faga falta. Basta acompañalo uns metros pola rúa ou sentar con el a tomar un café para comprobalo. “Non é a primeira vez que algún ateo me pide consello. Conectar co corazón da xente non entende de relixión nin de ideoloxías”, recalca.
Por suposto, as dinámicas parroquiais tamén teñen que resultar atractivas. “Que as misas sexan alegres por Deus!”, exclama. Nas súas, hai música, proxéctanse as lecturas e as cancións nunha pantalla grande e hai actividades pensadas para os cativos, aos que algunha vez lles reparte algunha lambonada ao remate. “Para tristes xa temos os funerais”, lembra. Non é de estrañar que haxa lista de agarda entre a rapazada para facer de acólitos nas súas eucaristías, nin que as convivencias da unidade pastoral que forman Baredo, Baíña e Belesar xunten a máis de cen persoas tres veces ao ano.
"Que as misas sexan alegres, por Deus. Para tristes xa temos os funerais", deixa claro
Celtista de corazón
A imaxe e o modo de vida tamén axudan. Levar roupa actual coma calquera outro home de 51 anos e manter o sorriso case sempre tamén contribúen a que a xente se achegue. E compartir aficións coma o celtismo que leva en vea este párroco, aínda máis. “Son de Vigo, do Calvario, e socio do Celta desde os 4 anos”, di con moito orgullo e co escudo celeste no peito. Entre os seus pasatempos preferidos están tamén o cultivo de bonsais e a fotografía.

Francisco Cabaleiro, rodeado dos seus bonsais na rectoral. / Ricardo Grobas
Á intensa actividade das parroquias baionesas suma a de capelán no hospital Meixoeiro, un traballo que considera “fundamental” na súa existencia. “Sei valorar a vida a través da morte. Alí comprendes que somos un corpo cun pixama do Sergas e non nos damos conta diso cando somos trepas no traballo, malpagamos os empregados ou facemos sufrir intencionadamente aos que temos ao redor...”.
As clases que da os luns no colexio Niño Jesús de Praga de Vigo tamén supoñen un importante aliciente, no senso en que lle permiten “estar conectado cos costumes e xergas dos rapaces”.
Vintecinco anos dan para moito. Cando se ordenou fíxose cargo das parroquias de San Ignacio de Loyola e Nosa Señora das Neves, en Teis (Vigo). Alí permaneceu dezasete anos e alí regresa aínda de cando en vez para desfrutar das amizades. Non lle importaría quedar outros tantos ,“ou os que sexan”, en Baíña, Baredo e Belesar”, pero iso xa non depende del.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- La Comisión Europea denuncia a España por no depurar las aguas residuales: en Galicia pone el foco en seis localidades
- Luz verde al inicio de la revolución para la Praza de España de Vigo: el Concello aprueba la primera licencia del ámbito
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Muere un joven de Soutomaior en una salida de vía en Ponte Caldelas
- Un juez de Vigo da la razón a una vecina y anula una sanción por cambio de uso de trastero a vivienda sin licencia
- El emotivo homenaje de la hija de Toño Castro a su padre, el central del Compos que sigue vivo en la memoria