Entrevista | Manu Lourenzo Candidato do BNG e próximo alcalde de Soutomaior

“O voto da xente nova foi determinante”

“A sintonía é moi boa con Silvia Cernadas e non teño dúbida de que se chegará a un acordo”

Manu Lourenzo na praza de Arcade de Riba.

Manu Lourenzo na praza de Arcade de Riba. / Adrián Crespo

Antonio Pinacho

Antonio Pinacho

O BNG de Soutomaior, liderado por Manu Lourenzo, conseguiu o pasado domingo o envorco electoral neste municipio, acabando con 28 anos de gobernos do PP con Agustín Reguera á cabeza. Cada un dos partidos logrou seis concelleiros, pero os nacionalistas superaron aos populares en case douscentos votos, o que lles garante a Alcaldía, xa que está descartado que a única edil socialista na Corporación lle vaia a dar o seu apoio ao PP.

–Que lectura fai dos resultados?

–Estamos moi satisfeitos. Traballabamos coas expectativas de que había unha oportunidade para o cambio e sabiamos que era unha posibilidade real tras quedar ás portas nas pasadas eleccións. Ademais percibiamos moito apoio nas rúas, pero o resultado foi unha sorpresa. Xa non pola vitoria, senón pola contundencia, xa que superamos en douscentos votos ao PP.

–Influíu o desgaste de Reguera tras 28 anos como alcalde?

–Unha persoa á que admiro que sempre me di que é imposible derrotar a un goberno con maioría absoluta que non quere perder. Nós desmontamos esa teoría. O PP tiña forza pero nós formamos un gran equipo e acertamos na estratexia de campaña, pero tamén é o resultado de anos de traballo, de compromiso e de constancia. Ademais houbo un factor determinante que é a xente nova, á que estamos moi agradecidos pola súa confianza, do mesmo xeito que ao resto dos veciños.

–Falou con Reguera?

–Si, chamoume para felicitarme no primeiro momento, en canto se souberon os resultados. Quero aproveitar para facer un recoñecemento ao seu traballo durante tantos anos. Nós, obviamente, estamos nas antípodas do seu proxecto e cremos que Soutomaior precisaba este cambio, pero iso non quita que é unha persoa que estivo 28 anos traballando por Soutomaior e temos que agradecerllo.

–Vai deixar a súa acta como deputado galego para centrar os seus esforzos en Soutomaior?

–Si, claro. É incompatible o cargo de alcalde co de parlamentario, pero aínda que non fose así, tamén o deixaría porque Soutomaior necesita dedicación a tempo completo, co 100% da cabeza posta no Concello.

"Temos unha aposta clara polo desenvolvemento de chan industrial e imos iniciar ese proceso"

–Vanlle ofrecer ao PSOE entrar nun goberno de coalición?

–A sintonía é moi boa con Silvia [Cernadas], xa falamos dúas veces, e non teño dúbida de que se chegará a un acordo. Creo que é unha persoa moi válida e ten moito que achegar ao proxecto do novo Soutomaior.

–Ten xa decidida a repartición de áreas?

–Máis ou menos téñoo xa todo articulado, a falta da confirmación oficial do novo goberno. Crearanse áreas novas como promoción económica, desenvolvemento rural ou mar.

–Que é o prioritario?

–Hai moitas cousas, pero no primeiro que vou empezar a traballar é en sectores produtivos e no modelo urbano.

–Supoño que o desenvolvemento de chan industrial tamén estará entre as prioridades, non?

–Por suposto. É que iso está contemplado no PXOM e xa tiña que estar a primeira fase rematada. Temos unha aposta clara polo desenvolvemento de chan industrial e imos iniciar ese proceso.

–Tamén hai outros proxectos que levan anos demandando, aínda que non sexan competencia do Concello, como a construción dun novo centro de saúde ou a ampliación do instituto.

–Parécenos fenomenal que se constrúa un novo centro de saúde, pero o máis importante é que teñamos os médicos que nos corresponden. Porque se temos un novo edificio pero non temos médicos o problema seguirá estando sobre a mesa, polo que en canto tomemos posesión poñerémonos en contacto co conselleiro para trasladarlle a situación e dicirlle que vai ser unha demanda firme e permanente. E respecto ao instituto, é que non se entende que un centro de construción recente non teña salón de actos, nin pavillón deportivo e cos alumnos amontoados nas aulas. Por tanto reclamarémoslle á consellería unha solución que pasa pola fase dúas, contemplada no proxecto, que implica a construción dun pavillón para poder reconverter o ximnasio actual en aulas.

–Tamén outra prioridade será recuperar o comercio en Arcade como proclamaron na campaña.

–Totalmente. Iso entra dentro do noso proxecto de modelo urbano. Necesitamos duplicar o número de prazas de aparcamento no centro, ordenar o tráfico e crear unha zona comercial que sexa un espazo agradable e atractivo, co obxectivo de que a xente non se desprace para comprar noutros lugares.

Suscríbete para seguir leyendo