Cans acolle a proxección de “Florencio, o cego dos Vilares”, figura clave da música galega

Foi un violinista que actuaba por Lugo e impresionou a xente como Antón Santamarina, “Mini” ou Antón Castro no século XX

Pancho Álvarez, nun fotograma do documental.

Pancho Álvarez, nun fotograma do documental. / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

No rural galego máis septentrional, principalmente na primeira metade do século XX, os cegos músicos e coplistas eran a “discoteca” ambulante da época. De feito, acuñouse o termo “cegadas” para retratar as festas que xiraban ao redor deles pero tamén os contos e crónica social que levaban de pobo en pobo. Destas figuras pero principalmente dunha delas nacida en A Fonsagrada trata o documental “Florencio, o cego dos Vilares” que o Festival de Cans proxecta hoxe de 10.30 a 12.00 horas, dirixido polo músico Pancho Álvarez.

Sinala esta peza audiovisual no arranque que Florencio López (1914-1986) “foi un dos máis grandes músicos de Galicia”. O título non é un agasallo ao chou. Músicos como Xosé Luis Rivas “Mini” destacan que “tocaba o violín de manera singular” ao tempo que era “unha persoa especial”.

O gaiteiro Antón Castro, que o coñeceu sendo gaiteiro de Treboada, tamén confesa como quedou engaiolado co xeito que tiña de executar as muiñeiras ou polcas ademais de resaltar a súa “simpatía natural”. Ata o catedrático de Filoloxía Antón Santamarina recoñece que quedou “impresionado” a primeira vez que oiu como tocaba.

Pola súa parte, Pancho Álvarez explica nunha conversa con FARO que “hai 25 anos fixen un disco monográfico sobre Florencio. Fun incluíndo pezas del nos meus discos e foi nos últimos anos cando me animei a facerlle esta homenaxe audiovisual filmando secuencias en A Fonsagrada, falando con veciños dalí que o coñeceron... O que quero é reivindicar a súa figura”.

Ese desexo procura expulsalo do ambiente de marxinalidade no que viviu. Hai que lembrar que ata o establecemento da ONCE gran parte da xente cega do país malvivía pola súa discapacidade. “Asociábase que a persoa cega vivía da beneficiencia. Ata que apareceu a ONCE era así pero el era capaz de tocar pezas tradicionais e do momento coas que se gañaba a vida”, resalta Álvarez.

Este lembra como Santamarinao gravou con Dorotea Schubert actuacións de Florencio, material que se atopa gardado no Museo do Pobo Galego onde se pode consultar o cancioneiro, que se ten publicado, así como as partituras.

Precisamente a peza inclúe material rexistrado en vídeo Super 8 a principios dos 80 por José Díaz, así como imaxes do programa “Ruada” da TVG.

Para Álvarez, é mester “darlle máis visibilidade á súa figura pero tamén a dos cegos violinistas de Galicia. Eran dos poucos músicos tradicionais da época. Eran contratados para actuar en vodas, bautizos...”.