Restaurar os vellos muíños está moi ben para que as novas xeracións coñezan como funcionaban e teñan presente a tradición dos seus antergos, pero cada vez queda menos xente que lembre a actividade que se xeraba arredor deles, non só a de proporcionarlle fariña aos fogares da contorna, senón tamén a dos encontros veciñais para conversar e mesmo para festexar. Eran verdadeiros centros sociais nas aldeas e diso xa non queda máis que a memoria dos máis vellos de cada lugar. O Concello de Nigrán quere salvagardar esas historias e para iso elaborou un documental de relatos que se presenta mañá domingo ás 12.30 en Chandebrito. Unha parroquia na que chegaron a funcionar ata dez simultaneamente. Hoxe aínda quedan dous.
A estrea terá lugar xunto ao muíño da Regueira, tras a ruta teatralizada pola zona que ofrecerá Teatro do Ar. Os participantes na andaina terán ocasión de ver a cinta e de observar como funciona un muíño de auga tradicional. A curta, de 20 minutos de duración, será pendurada no arquivo audiovisual municipal, ao que se pode acceder desde a web do Concello. “Igual que temos un arquivo histórico de imaxes de Nigrán, agora estamos a documentar oficios, tradicións e costumes que están desaparecer eque forman parte da nosa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “é un traballo contrarreloxo para chegar a tempo a de recoller en primeira persoa os relatos sobre o patrimonio material e inmaterial, que no caso dos muíños son as dúas cousas porque ademais da propia infraestrutura están as lendas e cantigas asociadas, os oficios e tradicións perdidas...” subliña.
Testemuño de seis persoas
O vídeo forma parte do proxecto para por en valor a Fraga dos Muíños de Rodas, que o Concello leva a cabo en colaboración coa comunidade de montes de Chandebrito, e recolle o testemuño de seis persoas que moían habitualmente na súa xuventude. Son os relatos das lembranzas de Rosa Rial, Paulino Costas, Olivia Pérez, Julia Rial,Jorge Costas e Jaime Iglesias,que van acompañados de imaxes da contorna.
Cinco capítulos dividen a película. No primeiro explican os horarios establecidos para moer, a continuación lembran os traballos de mantemento das presas e dos regos de xeito comunitario, seguen co recordo das herdanzas das horas concretos para o uso dos muíños, repasan a metodoloxía para elaborar as bolas de millo en fornos de leña e como se obtiñan os distintos tipos de fariña e rematan cunha demostración de Olivia Pérez sobre a súa maneira de moer, coma cando comezou hai 60 anos no muíño da Regueira.