Un camelio co nome de Rosalía medra desde onte no Bosque da Lingua de Couso. O primeiro parque temático da cultura galega acolleu o seu primeiro grande acto coa presentación do libro “O Herbario de Rosalía”, que estuda as prantas recollidas na obra da poeta, e a prantación do seu arbusto favorito na súa memoria.

Ata 150 especies de árbores, flores e herbas que a autora mencionou ata 543 veces nas súas publicacións aparecen no volume creado de xeito interdisciplinar por tres investigadores da Universidade de Santiago: a filóloga María López Sánchez, a bióloga Mabel Fraga e o fotógrafo Miguel Fraga. Un traballo “extraordinario”, segundo explicou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ante os presentes no anfiteatro dos montes da parroquia gondomaresa.

O espazo que a comunidade de montes de Couso creou para divulgar a cultura galega en plena natureza segue na procura de fondos para desenvolverse. A campaña de micromecenado impulsada polos comuneiros e pola asociación Verdeval leva recaudado o 39% do obxectivo. Faltan 13.180 euros para acadar o investimento necesario para completar o recinto cun parque de xogos de madeira, unha zona de asemblea, unha cociña-laboratorio, mesas de experimentación, casiña, unha mámoa-túnel, pasarelas e ata un hotel de bichos.