O II Concurso Fotográfico do Instituto de Estudos Miñoráns “Serras do Galiñeiro, A Groba-A Valga. Patrimonio e Auga” chega á oferta cultural da comarca miñorana co obxectivo de converterse nun punto de encontro para afeccionados á fotografía sensibles ás temáticas relacionadas co medio, co entorno e co patrimonio natural.

Calquera persoa maior de idade pode participar no certame con imaxes relativas ao patrimonio e á auga dos devanditos montes. O obxectivo é dar a coñecer o patrimonio etnográfico relacionado cos ríos, como os muíños ou presas. Haberá unha categoría avaliada por un xurado, integrado por fotógrafos profesionais e integrantes da xunta de goberno do IEM, e outra que se someterá á votación do público a través de Facebook. Entregaranse deste xeito dous premios, un para cada categoría. O do xurado ascenderá a 250 euros e o do público, a 150. As propostas gañadoras serán publicadas na Revista de Estudos Miñoráns.

Valorarase a orixinalidade da proposta, a capacidade para provocar emocións cara a temática, a calidade estética e técnica das propostas, que deben ser orixinais e inéditas, tanto en blanco e negro como a cor.

As fotografías presentaranse por correo electrónico á dirección oficina@iem.gal en formato dixital en tamaño 30x45 centímetros (300 píxeles por polgada) e cada participante poderá enviar dúas como máximo. As bases poden consultarse na web do IEM.