A Fundación Lois Peña Novo entregou onte no castelo de Soutomaior os seus premios cos que se recoñece as persoalidades destacadas este ano pola súa galeguidade e emprego máis defensa do galego. Nesta ocasión, os galardonados foron o músico Rodrigo Romaní, a doutora en bioloxía María Luisa Castro e a Asociación Nova Escola Galega. O acto de entrega contou coa actuación da gaiteira Susana Seivane.
En canto a Rodrigo Romaní, a organización destacou que é “embaixador da música tradicional galega no mundo con máis de 40 anos de impecable traxectoria creando referentes no imaxinario colectivo galego” primeiro co grupo Milladoiro e despois como director do Conservatorio de Música tradicional en Vigo.
Respecto a María Luisa Castro Cerceda, resaltaron que exerceu “un maxisterio socrático de galeguidade diante dos centos de alumnos que a través das súas aulas se formaron en lingua galega” na Facultade de Bioloxía e Ciencias do Mar da Universidade de Vigo.
Finalmente, outorgaron distinción tamén á Asociación Nova Escola Galega por “tratarse dun colectivo da sociedade civil que dende 1983 vén traballando coa finalidade de construir un sistema educativo en galego, público e democrático”.
Os Premios Lois Peña Novo recoñecen o labor de persoas e entidades que traballan pola normalización da lingua galega desde hai 28 anos.